Ilusións

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

ALLARIZ

30 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

As noites electorais e, sobre todo, os días posteriores son un espectáculo. Ben o saben vostedes, que as padecen coma min. Un dos elementos que me resultan máis intrigantes son os que teñen que ver cos accesos, ás veces por sorpresa, de partidos ou agrupacións políticas ao poder. Existe a crenza ilusa de que a política pode facer incribles cambios ao noso redor.

Teño visto moita decepción ao redor desa inxenuidade que eu atribúo a aínda recente cultura democrática do noso país. Asistimos estes anos, por exemplo, ao uso feliz e dilapidatorio da palabra revolución por parte de políticos que acataban e tiñan que facer valer lexislacións procedentes do estado liberal burgués. Despois veñen as decepcións. Porque se os políticos nos que depositastes expectativas non dan feito, é que son uns «traidores», uns «vendidos», ou calquera outro insulto, dos que temos de abondo do noso dicionario para todo aquel que non somos nós.

Miren vostedes: por desgraza e por sorte, os políticos teñen unha capacidade de acción limitada. Teñen máis posibilidades de enredar que de emprender enormes transformacións. E iso ten de bo que o complexo entramado institucional e legal do país, coma o de calquera outro estado democrático occidental, impide que o primeiro pirado poida poñer todo patas para arriba. Pero ten a contrapartida que se poden prolongar leis ou políticas inxustas. Esas son as reglas do xogo, e non son malas de todo.

Pensen niso se cren que o seu novo alcalde vai crear un Silicon Valley ou un Allariz da costa.