José Luis Mascareñas traballa actualmente en dúas liñas de investigación: unha de química biolóxica e outra de catálise.
-Estamos facendo en química biolóxica o desenvolvemento de dúas cousas: sensores que detectan proteínas canceríxenas, son marcadores de proteínas; por outro lado, traballamos no desenvolvemento de moléculas que traballan a nivel do xenoma, que se dirixan a zonas específicas do xenoma. A liña de catálise favorece facer transformacions químicas, sexan do tipo que sexan, moito menos contaminantes e máis baratas e iso conleva deseñar catalizadores. Temos varias patentes para protexer o descubrimeno, despois verase se algunha empresa o vai explotar ou non.
-¿A investigación ten que ter vertente práctica?
-Cando se fai investigación é moi importante avanzar no coñecemento, é máis importante que buscar unha aplicación práctica inmediata. Todo o mundo sabe hoxe o que é unha resonancia pero o que a descubriu non tiña nin idea de que iso ía ser aplicado en medicina, el fixo o avance conceptual, é moi difícil predecir cal vai ser a aplicación práctica que vai ter algo. O importante é facerse preguntas importantes e buscar as resposta, o difícil é saber cales son as preguntas importantes. Para min é prioritario inventar, crear e avanzar no coñecemento, desenvolver novos conceptos, que é algo que dá moito máis xogo para expresar a túa creatividade, por iso é máis divertido.
-Un investigador creador de investigadores, ¿ten tempo para outra diversión?
-A verdade é que absorbes tanto tempo que o que che queda telo que dedicar á familia e, cando se pode, viaxar. Ultimamente non teño tempo nin para pescar, que é algo que me lembra á infancia e ó meu pai. Por suposto, o Arnoia é o sitio preferido porque para min ser de Allariz é algo moi especial, estou moi orgulloso..., como todos os que somos de Allariz.