Bárbaras!

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

A RÚA

14 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte volvín ao instituto. Facía tempo que non entraba nun, e volvín ver as mesmas hormonas desatadas, as présas cara a cantina no recreo e os repasos de última hora antes dos exames de cando eu estaba nese tempo. Non semellan tan diferentes os adolescentes de agora dos que o fomos hai 20 anos. A pesares de que levan enriba o estigma de que os anteriores sempre foron mellores, que tiñan máis nivel, que coa última reforma educativa a cousa non deixa de ir a peor -¿Non lles soa? Iso xa o escoitaba eu cando vivía entre pupitres, e semella que a cantarela non mudou-, non vin tanta diferenza. Mais non fun ao instituto falar do baixo nivel, dun caso de acoso, da agresión dun pai a un profesor, ou porque ás portas do centro se trafica con marihuana que consumen os rapaces... Son casos que tamén saen nos medios moitas veces, pero tamén hai outras noticias entre esas paredes. De xente que son un exemplo, aínda que elas non o buscaran. Só queren ser boas estudantes. Lorena Estévez e Saray Suárez acaban de ser premiadas polo seu esforzo académico, por ter loitado contra as barreiras e ter conseguido superar todos os retos e as eivas e chegar ata onde querían chegar: bacharelato. Esa non é a meta, é un chanzo máis nesa batalla que teñen que afrontar aqueles aos que a vida non llo ten posto tan fácil como ao resto. E aí están elas, dúas mozas sen complexos e cheas de ilusión que lle poñen cara á vida e loitan polo que queren. ¿E que é o que queren? Pois como nos pasou a todos, aos 16 só queren ser adolescentes que estudan, saen cos amigos, gozan da vida e simplemente viven. E aí están elas, loitadoras e ¡bárbaras!