Escondida

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

A POBRA DE TRIVES

A ponte Bibei, nunha imaxe da semana pasada
A ponte Bibei, nunha imaxe da semana pasada Lolita Vázquez

28 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

É unha impresionante ponte romana dos primeiros anos do século II (aínda que sufriu modificacións posteriores), no 1931 foi declarada Monumento Histórico-Artístico Nacional e despois foi destacada como Ben de Interese Cultural de Galicia. Todo iso é a Bibei, a magnífica ponte que permite cruzar de Valdeorras ás Terras de Trives, seguindo o trazado da case desaparecida Vía Nova. E tamén é un espazo comido pola maleza. Se o condutor/turista vai un pouco despistado, nin conta se dará de que o que ten antes os ollos ben merece aparcar e baixar do coche uns minutos. Aínda que se baixa, pouco pode ver. O miradoiro mete algo de medo ao estar feito cunhas táboas que mostran ás claras que viviron anos mellores. E unha vez alí, pouco se pode albiscar do traballo feito polos homes de Trajano. Herbas, árbores e demais maleza invádeo todo. Se un pensa en gozalo a rente do pouco caudal que leva o Bibei (o encorado Bibei) descubrirá que é imposible acceder. Moito monumento, moito título, pero pouco cariño cara un espazo único na provincia que estaría chamado a ser un grande reclamo turístico se alguén tivera a ben mirar por el. ¿Pero para que, pensarán os que tiñan que mirar pola ponte? Se nin un pouco de ansia lle puxeron ao reparar unhas pedras que guindou un coche despois dun choque. Despois de meses cunha cinta (si, varios meses), colocaron no sitio as primeiras pedras que lles apareceron diante, ou iso semella pola diferenza que salta á vista. Noutros sitios farían ata excursións só para ir ver unha ponte coma a Bibei. Aquí a pobre está coa compañía dos coches que pasan por riba sen reparar nela.