Un lugar con moita historia

Xaime López arias SARRIA

A PEROXA

ALBERTO LÓPEZ

Crónica | A parroquia de San Salvador de Sarria Nesta zona atópanse varios dos lugares máis emblemáticos do Concello, como a propia casa consistorial, A Fortaleza ou o convento da Madalena

10 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

En 1753 a parroquia de San Salvador de Sarria tiña as estremas que conservou ata 1890: do marco dos Esqueiredos ao marco do Pombal Vello, de alí ó marco da Cruz, dalí ao marco da capela do Campiño, dalí á Ponte da Áspera para rematar no marco dos Esqueiredos. O mosteiro da Madalena, a ermida da Santiago do Mercado, a Fortaleza coa cerca e as súas catro torres, o Hospital de Santo Antón, a igrexa de San Salvador e a Casa Grande eran as edificacións máis significativas. San Salvador, Arriba, Sarria, O Forno e A Áspera eran os barretes desta parroquia, que formaba curato coas de Vilar de Sarria e San Martiño de Requeixo, e que reunía un total de 25 casas. En San Salvador eran propietarios: Francisco Loureiro dunha casa e dúas tarreas; Antonio Díaz, de Santiago de Freituxe (Casa Capón de Arriba). No sitio de Arriba: don Francisco de Armesto, unha casa e unha tarrea (Casa dos Armesto ou do Puro). No paraxe de Sarria tiñan edificacións: Fernando López, Unha casa (Casa Vilaesteva); Manuel Melle, unha casa xa desaparecida; Fernando Pérez, unha casa (solar da Casa Gallego); Xosé de Armesto e Somoza, unha casa e unha tarrea (solar da Casa Guerra); Bernardo Rivera de Fontao, unha casa (Casa Vaamonde ou Concello); Condesa de Lemos, unha casa (Cárcere); Lucas Somoza e Saavedra, unha casa e dúas tarreas (Casa Grande ou da Torre dos Saavedra e Casa de Rivas); Francisco Illanes, unha casa (Casa de Yebra e Miralde); Miguel de Rivas, unha casa (Casa Marzán); Martiño Díaz, unha casa xa desaparecida; Anxo Rodríguez de Farbán, unha casa (Casa Arangüena). No paraxe do Forno: Inés Fernández, unha casa; Cristovo Díaz, unha casa. Nesta zona, agora chamada Fornos de Atrás, por motivos de seguridade estaban os fornos da vila en evitación de incendios. Na aldea da Áspera: María López, unha casa e dúas tarreas; Roque Díaz, de Maside, unha casa tarrea. A única propiedade comunal desta parroquia estaba formada por 16 ferrados de monte perto da Fortaleza, onde se celebraba o mercado medieval, e que forma parte agora do campo da feira. Entramado O entramado urbano estaba formado polo treito de rúa entre a Casa Macía, entón a de Santa Mariña, e a igrexa de San Salvador, que era coñecida como a rúa principal. A actual Plaza da Constitución era a Plaza Pública. O camiño por entre a Fortaleza e a Casa Ferrreirós era o camiño de Albán. A baixada cara á ermida de San Lázaro, en Maside, era a Corga da Calexa (pola canle de rego que levaba a auga da fonte de San Salvador aos prados dos Barredos e do Campiño). Entre as Airas da Pedreira e os Esqueiredos ao Camiño Francés de Fora, na Idade Media camiño do Pombal que pola Veiga e Os Peares de San Miguel ía cara ao Mesón de Maside. Entre San Salvador e o Camiño Francés de Fóra, a súpeta Corga de Matavellas e desde A Madalena á ponte da Áspera e en dirección a San Lázaro e ao Camiño Real (desaparecido ao se abrir as canteiras da Áspera) e ao camiño de Celeiro e O Mazadoiro pola Corga do Convento.