Morreu ós 84 anos Manolo Rin-Rin, nado en Vilanova dos Infantes e referente da música tradicional galega

La Voz OURENSE

OURENSE

O ourensán Manuel Vázquez, Rin Rin, pertenceu ao grupo de música tradicional Muxicas.
O ourensán Manuel Vázquez, Rin Rin, pertenceu ao grupo de música tradicional Muxicas. OSCAR CELA

O tamborileiro vivía en Vigo, onde formou parte de grupos como Muxicas ou Folieiros de Lavadores

21 mar 2026 . Actualizado a las 10:58 h.

Manolo Vázquez, coñecido popularmente como Rin-Rin, faleceu en Vigo ós 84 anos. Nado en Vilanova dos Infantes (Celanova), terra de músicos e de zapateiros, foi un referente da música tradicional galega. Tamboreleiro e grande defensor dos grupos de gailteiros de toda a vida, formou parte dun dos referentes do folk, os vigueses Muxicas. Tamén foi compoñente dos Folieiros de Lavadores.

Como moitos vilanoveses, emigrou e fixo a vida laboral e familiar en Vigo, pero nunca esqueceu a súa terra natal, onde se reunía co seu ampla familia materna. Era o máis novo dos irmáns. Participaba, tocando o bombo, na música que acompaña e marca o ritmo aos danzantes de Vilanova dos Infantes durante a festa do Cristal. Cando era novo, o Rin Rin tamén fora danzante no seu pobo. Muxicas compuxo a Muiñeira dos Sete Infantes, adicada a Manuel Vázquez polo seu lugar de nacemento.

A Asociación de Gaiteiros Galegos lembraba a súa figura, o seu legado e lamentaba o seu pasamento.«Sen dúbida Manolo forma parte da historia da nosa música tradicional, e dende a AGG compartimos a dor e lamentamos fondamente a súa perda», sinalaba a asociación, que convoca para esta tarde unha homenaxe de gaiteiros en Vigo, onde se celebrará hoxe o seu funeral.

Rin-Rin foi parte de Muxicas en dús etapas, entre 1978 e 1986 e 1991 ao 2000, cando o grupo se despediu dos escenarios.