Vanessa Rodríguez, psicóloga e sexóloga: «As actividades arredor da sexualidade están centradas nos perigos e na precaución e queriamos pór o centro no pracer»»

Paula Pérez Ferreira
Paula P. Ferreira OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Vanessa Rodríguez Pousada, psicóloga, sexóloga y presidenta de Sogasex.
Vanessa Rodríguez Pousada, psicóloga, sexóloga y presidenta de Sogasex. SANTI M. AMIL

Ourense acolle este venres unha xornada, para todos os públicos, que abordará o erotismo desde diferentes aspectos

15 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense acollerá este venres unha xornada organizada pola Sociedade Galega de Sexoloxía. O encontro Cartografías do pracer: Explorando a erótica e o desexo contará con expertos en diferentes ámbitos do coñecemento e está aberto a todos os públicos. Trátase dunha invitación a pensar sobre o corpo, o desexo e a erótica dende perspectivas sexolóxicas, filosóficas, artísticas e sociais. A xornada estará dirixida por varios profesionais, entre os que está Vanessa Rodríguez, vicepresidenta de Sogasex, psicóloga e sexóloga.

—En que consiste esta xornada de divulgación?

—Trátase dun día completo con profesionais de diversas disciplinas. A idea é abordar as múltiples formas nas que se configura e se expresa o desexo erótico e o pracer na sociedade actual. Haberá conferencias e ao final unha mesa redonda de reflexión, onde se invita ao diálogo.

—Cal é a finalidade coa que se celebra?

—O obxectivo é falar sobre os conceptos de erótica, pracer e desexo, pero plantexalos dende diferentes perspectivas, dende unha dimensión máis intrasubxectiva da persoa, e atendendo a aspectos culturais, políticos, corporais e afectivos.

—Cal é a preocupación principal?

—En todas as actividades arredor da sexualidade observamos que sempre están centradas en perigos, na precaución e na prevención. Nós queríamos pór o centro no pracer, abordalo dende unha perspectiva que agora mesmo non ten tanto protagonismo e dar esa posibilidade á xente de desenvolvemento da persoa dentro desa faceta.

—Cre que falta máis educación na sociedade?

—A sexualidade está no centro de debates dos medios de comunicación de forma masiva pero vimos dunha tradición na que está asociada á alarma social, un pouco tabú. A intención é rachar con iso e explorar as posibilidades que nos abre a sexualidade. Por iso coidamos moito abordala dende diferentes dimensións atendendo a identidades, orientacións sexuais, pero tamén a discapacidades.

—Falta coñecemento sobre a sexualidade dende o ámbito do pracer?

—A todas as idades se enfoca dende o risco por iso é difícil falar, por exemplo, do potencial sexual na beleza, polo que consideramos importante tamén tratar iso. Aínda temos que facer moito percorrido. A día de hoxe non hai materias de sexualidade na educación, que non deberían ser un ámbito central. É unha esfera moi protagonista no desenvolvemento da persoa.