As poetas Enma Pedreira e Lucía Aldao forman parte do xurado do premio Florencio Delgado Gurriarán
OURENSE
O prazo de presentación de obras está aberto ata o día 29
09 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Poetas e artistas cunha ampla traxectoria, un investigador da literatura galega, e dous poetas novos. Cinco nomes integran o xurado do VI Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán: Lucía Aldao, Enma Pedreira, Aleixandre Lago e os valdeorreses Inma Núñez e Luciano Rodríguez.
Enma Pedreira (A Coruña, 1978) é filóloga, escritora e artista visual. Ten dez poemarios publicados ademais de libros doutros xéneros como novela histórica, infantil ou novela negra. No 2018 gañou o Premio da Crtítica Española de narrativa en galego con Bibliopatas e fobólogos. Lucía Aldao (A Coruña, 1982) leva máis de media vida recitando nos escenarios máis variados. Ademais de escribir e publicar poesía, lidera a banda PAVA e fai poesía escénica, música, humor e animación cultural, como xa demostrou presentando as primeiras galas do premio. Aleixandre Lago Barcala (A Coruña, 1992) é tamén poeta e foi o vencedor do V Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán. Lago cursou estudos de Filosofía e Filoloxía clásica e colaborou como tradutor na compañía Teatro do Atlántico.
Valdeorras é o lugar de orixe dos outros dous membros do xurado. Luciano Rodríguez, (A Veiga, 1951) ten unha ampla carreira como investigador e docente da literatura galega. É membro da Real Academia Galega dende o 2023 e profesor honorario da Universidade da Coruña, destacando a proxección que lle deu á poesía galega fóra do país con varias publicacións como Poesía gallega contemporánea (1996) ou Horizontes poéticos (2022). Inma Núñez (Rubiá, 1991) é a autora do poemario Unha casa onde vivir (2024) gañador do Premio Fiz Vergara Vilariño.
O prazo para presentar obras ao premio de poesía remata o día 29 de xuño. Cada candidato pode presentar ata tres poemas, que deben estar escritos en galego e non ter máis de 50 versos. O gañador levará un premio en metálico de 3.000 euros.
Comisión de literatura e prazos do Premio
Os membros do xurado do premio foron propostos pola recentemente creada Comisión de Literatura da Fundación Florencio Delgado Gurriarán, integrada por Camilo Valdehorras, Marga Barrio, Paco Campos, Emilio Vega, Jorge Moral e María del Carmen Álvarez. Investigadores, docentes, escritores e apaixonados da literatura, «a súa función será a de tecer a estratexia da institución respecto da creación literaria», aseguran desde a fundación.