Xinzo celebra as Letras Galegas cunha foliada popular e un roteiro de cantigas por toda a vila
OURENSE
O alumnado dos institutos investigou nas últimas semanas as cancións tradicionais da comarca
16 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Xinzo de Limia prepárase para celebrar este venres, 16 de maio, unha xornada especial con motivo do Día das Letras Galegas. A Praza Maior da vila acollerá, a partir das 11.30 horas, a Foliada das Letras, un evento para dar protagonismo música tradicional galega e o patrimonio oral da comarca.
A actividade, organizada polo Concello en colaboración cos Equipos de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) dos institutos IES Lagoa de Antela e IES Cidade de Antioquía, contará coa participación activa do alumnado e da veciñanza. Durante as últimas semanas, os e as estudantes implicáronse nun proceso de investigación e recuperación de cantigas tradicionais transmitidas oralmente ao longo de xeracións.
Realizarase un roteiro de cantigas populares por diferentes puntos da vila. Establecementos como cafetarías, librarías, bares, comercios e edificios públicos exhiben fragmentos de pezas tradicionais. Cada local participante está integrado nun mapa interactivo dixital, que permite seguir o percorrido completo e descubrir o repertorio musical vinculado a cada espazo.
A proposta ten un marcado carácter colectivo e interxeracional, e busca destacar o papel fundamental das mulleres na conservación e transmisión do saber popular. Así, a Foliada das Letras rende homenaxe ás pandereteiras e á súa contribución á cultura galega, no contexto das Letras Galegas 2025.