Maricastaña clausurará a mostra o sábado coa montaxe «Ludovico 2.5»
06 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Ata o día 10 • Diferentes escenarios e horarios • Ourense • A Miteu arrancou onte unha intensa semana de actividades. Para estes días están programadas varias representacións e encontros co público. Esta tarde poderase ver no Principal a montaxe «Luchadoras», de Carla Novi (México). A obra explora, a través do mundo da loita libre, a violencia á que están expostas as mulleres no seu día a día en México.
A función comezará ás oito da tarde. A Aula de Teatro Universitario da Coruña, que este ano regresou á programación da mostra, estará o mércores —día 7— coa súa proposta escénica «Cartografar». Será no mesmo escenario e á mesma hora. O xoves haberá cita cunha proposta que xa é todo un clásico dentro da programación anual da Miteu. A décimo cuarta «Xornada de danza interuniversitaria» encherá o teatro da rúa da Paz dende as oito da tarde. O venres —fóra de programa— desenvolverase unha colaboración con Radio Liverdade e Gallos del Norte: «Desafío 8 freestylers», combinando o sistema de «batallas» co de exhibición. Será no Campus de Ourense, a partir das oito da tarde.
A Maricastaña corresponderalle pechar a Miteu. Será con «Ludovico 2.5» o sábado. Poderase ver no Teatro Principal (20.00 horas).