Emilio Fonseca: «O premio en Málaga servirá para que a realidade do lobo chegue a moita xente»

x. m. r.

OURENSE

Emilio Fonseca e Moa recolleron o premio en Málaga
Emilio Fonseca e Moa recolleron o premio en Málaga Cedida

O director ourensán estreou «Salvaxe, salvaxe» no festival de cine e gañou a Biznaga de prata

13 mar 2024 . Actualizado a las 18:51 h.

Emilio Fonseca Martín (Ourense, 1978) xa está de volta do Festival de Cine de Málaga. Retornou coa Biznaga de prata ao mellor documental, unha película que lle levou anos pór en pé e que non puido contar cunha mellor estrea: primeira participación nun certame audiovisual e primeiro galardón. «Salvaxe, salvaxe» centra o foco na presenza do lobo e na vida salvaxe —outros animais como os cabalos tamén teñen presenza na cinta—. O guión creouno xunto a Xiana do Teixeiro, que é a produtora.

—Estrea e premio. Satisfeito?

—Non se pode pedir máis. A lectura que fas é que pagou a pena o esforzo e agardamos que sexa un primeiro paso para que o noso traballo e a realidade do lobo chegue a moita xente e que os espectadores conecten coa película.

—Segue a ser un animal estigmatizado?

—Creo que o tratamento mediático do lobo segue sendo moi problemático. E non somos conscientes diso.

—As novas soen ter orixe nos afectados.

—Hai moita xente que admira e respecta ao lobo, incluso xente que ten gando e vive no campo. Aínda que é certo que hai unha minoría que segue atacando á natureza en base a esa demonización.

—Canto tempo botou co proxecto?

—A película documental é froito de anos de traballo. Comezamos co proxecto no outono do 2015, aínda que traballamos no mesmo de forma continuada porque polo medio se foron metendo outras cousas.

—Resultaba máis doada a gravación en Portugal?

—Rodamos o material en Galicia e Portugal. O que pasou é que o CIBIO (Centro de Investigación en Biodiversidade e Recursos Xenéticos) da Universidade de Porto xa tiñan desenvolvido un traballo moi importante, dende hai anos, e déronnos todas as facilidades para acceder ao seu material. Na Galiza acceder a este datos é dificilísimo.

—Haberá estrea portuguesa?

—A intención é pasar por algún festival e facer pases en colaboracións cos cineclubs e con asociacións.

—O PP vén de reclamar a exclusión do lobo da relación de especies protexidas. Di que o noroeste galego é a zona con máis lobos do mundo?

—Non entendo esa persecución, xa que en Galiza non se mataban e é unha demanda que non ten sentido. Máis que ver cunha situación real é algo que se debe vencellar ás loitas de partidos e ao interese por sacar réditos electorais e colleitar votos. Non é algo novo, en toda Europa se dá unha politización do lobo como unha polarización entre o rural e o urbano.

—Segue habendo trampas ilegais?

—Si, moitas e con consecuencias moi graves. É un auténtico desastre.

—Traballa nalgún proxecto ou está centrado na promoción?

—Neste momento estamos centrados na película. E como iniciativa máis próxima vou publicar o cómic «Verde invisible» —Emilio Fonseca foi premio Castelao de BD—.