Versos de Celso Emilio Ferreiro para a súa cadea de Celanova

La Voz

OURENSE

Erik Dobaño, Gonçales Blasco e Xabier Ferreiro na presentación da obra
Erik Dobaño, Gonçales Blasco e Xabier Ferreiro na presentación da obra Cedida

A Casa dos Poetas acolleu a presentación da obra de Luís Gonçales Blasco sobre o escritor

06 feb 2024 . Actualizado a las 18:52 h.

Celso Emilio Ferreiro estivo preso no mosteiro de Celanova pola súa militancia nacionalista. Foron tres días nos que o poeta matinou en que xa non volvería ver aos seus. Alí creou tres poemas, que logo pasarían a formar parte dunha das súas obras más coñecidas. Os tres foron lidos na presentación de Celso Emilio Ferreiro, nacionalista galego polo seu autor, Luís Gonçales Blasco.

O que foi compañeiro de militancia do escritor lembrou que «Longa noite de pedra» non se refire á ditadura franquista —como se mantivo durante moito tempo e ao autor semelláballe ben a interpretación— senón ao feito de que a cela na que estivo preso era totalmente de pedra, do chan ao teito pasando polas paredes, como se recolle no poema. Gonçales Blasco reivindicou na presentación do libro na Fundación Curros Enríquez que os versos de Celso Emilio Ferreiro deberían figurar reproducidos na mesma cela no que o guindaron e estivo pechado tres días para ser lembrados e homenaxear con eles ao autor.

A presentación da obra sobre o poeta foi unha actividade organizada polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova e na mesma o autor estivo acompañado por Erik Dobaño —do colectivo que promoveu o acto— e Xabier Ferreiro, fillo do escritor.

Luís Gonçales Blasco fixo un repaso da militancia nacionalista de Celso Emilio Ferreiro —dende os seus tempos mozos na vila de Celanova— para desautorizar os datos e as aseveracións contidas nun artigo publicado por unha revista de pensamento galego sobre CEF e agradeceu as facilidades que en todo momento lle deu Xabier Ferreiro para consultar a documentación que custodia a fundación que leva o nome de seu pai.