Un traballo seu sobre o fotógrafo foi recoñecido cun premio do FAS Muvis do OUFF
30 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Xosé Vázquez Arias, O Rizo, foi unha das presenzas cotiás na vida dos ourensáns durante décadas. Nado en Casasoá de Camba (Castro Caldelas) en 1917 —lugar no que morreu no ano 1975— o seu nome está asociado á nosa memoria colectiva. Percorreu feiras, romarías, festas e celebracións para crear un imaxinario colectivo que segue agochado nas fotografías dos álbumes familiares gardados nas casas de toda a provincia. Nos libros de imaxes das últimas décadas é unha presenza fixa e mesmo dúas publicacións se centraron en exclusiva no seu traballo: As feiras do Rizo —de Xosé Enrique Acuña e Xosé Luis Cabo, editado polo Cineclub Carballiño— e Xosé Vázquez Arias, Rizo. Tres décadas de imaxes prodixiosas —de Antonio Piñeiro, Concepción Rúa González e Eladio Pena, publicado polo Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo—.
O fotógrafo popular volve a estar de actualidade grazas a Adolfo Fernández Piñeiro e Xoán Bregua. O seu traballo O Rizo acadou o segundo premio no concurso de FAS Muvis do OUFF —o primeiro foi para Prata, de Paula Pereira—. O xurado salientou esta «peza que mestura ficción e documental de forma elocuente e coherente. As fotografías recuperadas e o material filmado cohesionan perfectamente, ambas ganduxadas por un guión traballado que dá vida ás fotografías de Xosé Vázquez Arias, O Rizo», segundo figura na acta.
Na casa de Adolfo Fernández foron unha presenza constante as imaxes co selo do fotógrafo. O seu compañeiro Xoán Bregua chamouno para lembrarlle que se ía celebrar no OUFF o concurso das FAS Muvis —creación de pezas audiovisuais nos días do festival— e que podería ser unha boa opción acometer o traballo sobre O Rizo que tiñan pendente. «Era unha idea sinxela e cunha temática moi atractiva, e ao ter pouco tempo semellaba unha alternativa axeitada para o concurso. E polo que se ve funcionou», sinala Bregua. O seu compañeiro incide nas circunstancias que o animaron a propór o traballo: «Era un fotógrafo que percorreu toda a provincia e non había nada en relación a el e á súa obra dende o punto de vista audiovisual, co cal era unha oportunidade para incidir nese aspecto e superar esa eiva», apunta Adolfo Fernández. «E máis ao ser alguén que se dedicaba a esta profesión audiovisual, no seu caso coa fotografía. No Rizo vímonos refrexados nós», comenta Xoán Bregua.
Os autores da peza premiada no FAS Muvis chegaron dende Celanova e A Coruña para falar do seu traballo e aproveitaron a ocasión para valorar un proxecto de futuro vencellado ao fotógrafo. «Falabamos agora que ao mellor era unha opción facer unha longametraxe. O do OUFF foi unha proposta sinxela e pequena, polas circunstancias do concurso, pero temos moito material e información e podería ser. A obra do Rizo ten un gran valor histórico, son fotos moi potentes polo contexto e por todos os aspectos que aparecen recollidos na súa obra», sinala o celanovés. Bregua incide nun aspecto que considera aporta un valor engadido: «Todas as imaxes son de xente e iso é o que lle dá unha potencia extraordinaria ao seu traballo. Ves como era a sociedade e a xente ao longo daqueles anos e tamén é evidente a implicación e cooperación da xente co fotógrafo».
As imaxes que aparecen recreando a mesa de traballo de O Rizo forman parte do legado familiar do celanovés e os autores da peza amosan en todo momento a súa gratitude ao Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, da Deputación de Ourense, pola súa colaboración e a cesión das imaxes que aparecen no libro publicado no ano 2008. Nos seis minutos e medio de duración da peza os autores mesturaron as fotografías antigas con imaxes gravadas nos días pasados en Ourense e Celanova. Nalgúns casos tamén se inclúen as mesmas localizacións onde O Rizo disparou a súa cámara.
«A nosa próxima obra será unha curtametraxe que vai máis en plan de ciencia ficción»
Dende que se coñeceron na Escola de Imaxe e Son da Coruña, Adolfo Fernández e Xoán Bregua levan colaborando e desenvolvendo os seus traballos. Uns casa un pola súa conta e outros a catro máns.
A próxima proposta xa se está cociñando. «Xa temos escrito o guión e a idea pechada. A nosa próxima obra será unha curta que vai máis en plan de ciencia ficción. Contamos con ir gravando nos próximos meses», apunta Xoán Bregua. Podería ser, non o descartan, que volvan o próximo ano ao OUFF, aínda que daquela xa será noutra das seccións a concurso: o OUFF en curto.
Adolfo Fernández Piñeiro incide no panorama ao que se deben enfrontar os realizadores para darlle saída aos seus traballos. «Non é só desenvolver o proxecto, unha curta neste caso do que estamos a falar, senón distribuilo logo para que chega ao maior número posible de espectadores. O circuíto de festivais está ben, pero sempre tes que andar buscando o teu nicho de mercado porque cada vez son máis especializados. Vir ao OUFF 2024 estaría ben».
Quen son. Ocupación.
Quen son. Adolfo Fernández Piñeiro naceu en Vigo e a súa familia é de Celanova. Xoán Pérez Bregua é da Coruña. Naceron en 1997 e coñecéronse na Escola de Imaxe e Son da cidade coruñesa.
Ocupación. Adolfo é autónomo e participa en rodaxes. O sábado non puido acudir a recoller o premio por estar gravando en Camariñas un videoclip da cantante galega Hydn. Xoán está a ultimar proxectos para iniciar a rodaxe dos seus novos traballos.