O teu lixo...

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

08 jun 2023 . Actualizado a las 15:48 h.

Dez días despois de pasado o 28M, non só existe a resaca electoral e o tempo das negociacións. Tamén seguen presentes os carteis electorais. Onte recorrín co coche varios concellos da provincia e en case todos puiden ver a cara dalgún ou varios candidatos. Vese que o apuro que se deron en colgar carteis e bandeirolas a noite de inicio da campaña non existe cando toca recoller o lixo. Porque despois de tres semanas colgados ao sol e chovéndolle por enriba, non quedan carteis, o que hai é lixo. Lixo pendurado de farois e árbores. Lixo pegado nos contedores (que, reflexionemos, igual non é o sitio máis adecuado para cambiar a percepción que unha boa parte da cidadanía ten dos que se dedican á política). Lixo ao fin e ao cabo. E podo dicir que o de ser porcos non é cuestión de esquerdas nin de dereitas. Vin carteis de todos os signos políticos (que fixen un lote de quilómetros). Porque curiosamente, onde non estaba os do PP era fácil atopar os do PSOE, ou os do BNG. Hai quen pode pensar que é a fachenda do gañador ou a vinganza do perdedor, que xa que non lle toca gobernar, tampouco pensa recoller o lixo que estrou... pero non. Había fotos de quen o 17 terá o bastón e tamén de quen a partir de entón estará na oposición. Ou non estará. Eu podo entender que igual o 28 á noite era moito apurar para ir sacar todos os carteis, pero que dez días despois sigan aí, esmorecendo e á espera de que a choiva e o vento acaben facendo deles pequenos anacos de papel engomado non me parece unha forma de actuar. É fácil saber a quen lle hai que dicir que recolla. Que para algo levan a súa cara impresa. Vergonza lles debería dar.