Cristina Pato: «A literatura, como a música, é unha escola de vida»

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Cristina Pato leu o pregón da Feira do Libro de Ourense
Cristina Pato leu o pregón da Feira do Libro de Ourense Santi M. Amil

A Feira do Libro de Ourense ofrece medio cento de actividades ata o sábado

08 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

No corazón da cidade de Nós achegouse á literatura a profesora, escritora, columnista e música Cristina Pato. A descuberta chegou da man dos tempos iniciáticos onde se decatou que as rúas percorridas a diario eran as mesmas polas que transitaban no seu día persoeiros como Xocas, Risco, Otero Pedrayo ou Blanco Amor. E precisamente este tivo moito que ver no feito de que a rapaza do casco histórico pousara os ollos nun mundo engaiolante. «Foi grazas a Eduardo Blanco Amor que recoñecín outras realidades posibles e a lectura de A Esmorga achegoume con agarimo á literatura galega», sinalou a profesora ourensá no pregón inaugural da Feira do Libro de Ourense. Lembrou que pasado o tempo tamén ela rematou sendo unha das escritoras que se achegan ás feiras sectoriais para presentar a súa obra, circunstancia que viviu o pasado ano ao publicar a súa primeira novela.

A autora de No día do seu enterro foi a encargada de abrir, de xeito oficial, as actividades dunha feira que se desenvolverá ata o sábado e que inclúe no seu programa preto de medio cento de propostas, entre sinatura de libros, presentacións, encontros cos autores, sesións para os cativos e outras propostas. O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente da Federación de Librarías de Galicia, Ramón Domínguez López, e o concelleiro ourensán Antonio Fernández acompañaron a Cristina Pato no acto oficial de apertura da feira.

A pregoeira lembrou que foi creando a súa biblioteca a base de lecturas obrigatorias, pescudas persoais, recomendacións dos libreiros e dos amigos. «A cantidade de veces que a literatura me salvou a vida», lembrou ao tempo que salientaba a vizosa realidade da literatura galega actual, citaba a moitos dos que pasarán pola feira nestes días —de xeito máis concreto aos autores ourensáns— e parafraseaba a autores como Pondal ou Whitman. «A literatura, como a música, é unha escola de vida» sinalou Cristina Pato. A pregoeira animou aos ourensáns a achegarse ata o Paseo para implicarse na feira, mercar libros e participar nas actividades programadas.

O director xeral de Cultura agradeceu a implicación da autora coa feira e salientou o feito de contar para a ocasión cunha creadora que dende Ourense «proxecta o seu traballo no mundo enteiro e se ten convertido na mellor das embaixadoras da cultura galega», sinalou Anxo Lorenzo.

 Chamamento á participación

Incidiu de maneira especial no case que medio cento de actividades programadas e recordou a importancia deste tipo de convocatorias: «Tanto autores como libreiros conectan dun xeito especial cos afeccionados e os lectores esporádicos que acuden a este tipo de citas, que resultan estratéxicas para apoiar á industria literaria», lembrou. O presidente da Federación de Librarías de Galicia incidiu na importancia do circuíto das feiras sectoriais, na visibilización que dan aos autores e nos proxectos que se están a desenvolver, como a creación da axenda das librarías para que se podan consultar todas as actividades que se promoven nas galegas. Ramón Ramón Domínguez López convidou ás ourensás a implicarse no proxecto da feira. «Quero animar aos libreiros de Ourense a que participen e se sumen para a próxima edición. Houbo compañeiros e compañeiras que nesta ocasión non puideron participar e creo que hai argumentos de sobra para facelo», asegurou. Antonio Fernández referiuse ás campañas de agasallo de libros que fai dende hai uns anos o Concello de Ourense. Na feira presentan hoxe obras Alba Guzmán e Carlos Meixide e asinarán exemplares Perfecto Souto, Sabela Senn, Elena Andrés, Samuel Ferro, Javier Fraiz e Samuel Merino.