Nuria Iglesias Blanco: «Se emprendes pensando nas axudas, estás condenado ao fracaso»

X. M. R. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

A presidenta de AJE Ourense destaca que entre os novos emprendedores ourensáns «hai un claro perfil feminino»

29 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación de Jóvenes Empresarios de Ourense vén de presentar a radiografía da mesma nunha nova entrega de «AJE en cifras», a cita anual na que se fai balance da situación do colectivo, a evolución do mesmo e o perfil das empresas vencelladas á asociación. Nuria Iglesias Blanco (San Cibrao das Viñas, 1990) é a presidenta de AJE Ourense e destaca as vantaxes que a mesma ofrece aos asociados e ao colectivo. Creada como unha comunidade para xuntar aos empresarios novos e con espírito emprendedor, representa os intereses dos mesmos e promove actividades específicas para eles, dende asesoramento a cursos de formación ou encontros solidarios, entre outras propostas. Incide en que a provincia ten un dinamismo no sector que é pouco coñecido e que cada vez son máis os ourensáns que apostan por facer realidade o seu proxecto emprendedor. Nuria Iglesias accedeu á presidencia de AJE logo da renuncia de Lois Babarro en febreiro do 2021 —era vicepresidenta na súa directiva— e logo revalidou o cargo na seguinte convocatoria.

—Chegou de forma accidental e apostou por continuar. Cal é o balance destes dous anos?

—Asumino como un reto persoal e profesional. É unha responsabilidade representar a un colectivo como o que conforma AJE, pero paga a pena porque son o futuro desta provincia. E existe un espírito de colaboración moi importante na asociación e un compromiso de axuda aos compañeiros para conseguir o mellor para a comunidade.

—Tendo a CEO faise necesario contar con outra asociación?

—Ambas convivimos. Nós somos membros da CEO —e participamos na súa actividade na medida do posible— e está claro que AJE non deixa de ser un colectivo máis, que se fai necesario para representar a un sector novo que se caracteriza polo seu dinamismo e a efervescencia de novos proxectos.

—Con cantos asociados contan?

—Neste momento somos 140 os que formamos parte da mesma.

—O sector agroalimentario segue a ser o máis representado?

—Non. As empresas de comunicación son as que teñen maior presenza na actualidade. Son o 18 % dos asociados. As do sector de comercio local son o 13 % e hostalería, alimentación e outros móvense entre o 7 e o 9 %.

—Que dimensións teñen?

—En conxunto, as empresas de AJE facturan 36 millóns de euros. O 14,5 % das firmas vencelladas á asociación están por riba do millón de euros anual, un 13 % entre medio millón e un millón e o 24,6 % sitúanse entre os 200.000 e os 500.000 euros.

—Tense referido ao bo futuro da provincia e ao interese por emprender. Cal é a realidade neste comezo do 2023?

—Hai un tópico negativo con respecto á provincia de Ourense que non se corresponde coa realidade. Nós constatamos que hai dinamismo e que cada vez é máis a xente que aposta por emprender e crear o seu propio proxecto.

—Cal é o perfil tipo?

—É moi variado. O que chama a atención é que hai xente que estaba fóra e regresa a Ourense para desenvolver aquí o seu proxecto empresarial. Non o fan onde están, senón que o compromiso pasa por realizalo na súa provincia ou no seu lugar de orixe. Tamén se constata que hai un claro perfil feminino, son moitas máis as mulleres que emprenden. Obviamente a tipoloxía é moi variada, pero eses dous perfís están moi marcados.

—Hai moito emprendedor por obrigación?

—É certo que esa situación existe, pero tampouco é que sexa moi representativa no que ao emprendemento no seu conxunto se refire. Son casos de persoas que ao mellor se quedaron sen traballo ou pecharon o seu ciclo laboral e apostan por crear o seu proxecto empresarial. Aínda que, xa digo, non estamos a falar de algo moi relevante no conxunto do sector.

«Non pode haber unha aposta polo rural se hai zonas nas que aínda non chega o 3G»

Entre as iniciativas de AJE Ourense están unha tenda virtual cos produtos dos seus asociados na web do colectivo —www.ajeourense.com—, o asesoramento fiscal e xurídico integral e personalizado aos emprendedores, a organización de cursos de formación, a difusión dos proxectos dos socios na súa páxina, nas redes e nos medios de comunicación, a organización de citas como os premios anuais ou os encontros solidarios e o desenvolvemento de proxectos con colectivos ourensáns como Aodemper —a asociación que visibiliza a esclerose, o párkison e as enfermidades raras—, a quen dedicaron o calendario solidario deste 2023.

—Inciden na exportación de maneira destacada. É a clave?

—Estamos nun entorno global no que podes vender os teus produtos onde queiras. A pandemia demostrou que debemos buscar alternativas e o futuro pasa por aí.

—O AVE é a axuda agardada?

—Chegamos tarde a el e a estar preparados para o que vén, no que se refire a turismo, servizos e produtos que ofrecer á xente que está chegando. Hai demanda e estase notando o incremento.

—Sempre se refire a que non se pense nas axudas públicas.

—É algo básico. Se queres emprender e desenvolver o teu proxecto só pensando nas axudas que che poden dar, ou en basealo nesa circunstancia, estás condenado ao fracaso.

—A aposta polo rural existe ou é só publicidade?

—Existe e hai demanda. Pero non se dan as condicións idóneas e as administracións teñen que se implicar máis porque a situación real non axuda. Non pode haber unha aposta polo rural se hai zonas ás que non chega o 3G, xa non che digo o 4G —e do 5G nin se fala—. Ten que haber un compromiso firme e decidido para dinamizar a provincia.

Unha enxeñeira industrial que toca o saxofón na banda do seu pobo

Fai repaso Nuria Iglesias Blanco dos proxectos e iniciativas que leva desenvolvido e chega á conclusión de que sempre foi unha persoa emprendedora. Aínda que prefire outra denominación: «Creo que máis que emprendedora pódese dicir que sempre fun moi remexedora e gústame andar metida en proxectos e propostas que me podan resultar atractivas». Enxeñeira industrial de formación, cursou os seus estudos en Vigo e León.

Recoñece que sempre lle gustou a moda e á mesma segue vencellada, aínda que non de forma proactiva neste momento. Tivo durante anos a tenda Maricastaña, no centro da cidade, e mesmo no seu día tamén se mergullou no deseño —xunto a Lucía Casanova promoveu unha colección para muller no 2018—. Traspasouna no ano 2019 e coa chegada da pandemia centrouse na súa plataforma de comercio por internet, o market place creado xunto á súa socia Ángela González. O proxecto TrendON.me está operativo dende o ano 2015. Á faceta de emprendedora suma Nuria Iglesias a súa condición de directora do Asilo do Carballiño, posto ao que chegou ao presentarse a unha proba para administrar a residencia.

—O sector da moda xa non é unha das súas preferencias?

—Sempre estiven vencellada ao comercio e a desenvolver proxectos para outros. En función da demanda que me chegaba e como autónoma. No caso da moda é un mundo que sempre me resultou apaixoante e que segue aí, o que pasa é que esixe moito tempo e neste momento non o teño. Aínda que xa digo, non renunciarei a seguir vencellada ao mesmo. Cambiei a moda polas persoas e neste momento centran a miña vida e os meus proxectos.

—O funcionamento do Asilo do Carballiño chegou a ser motivo de debate no pleno do Concello. Cal é a situación do centro?

—Non me corresponde a min posicionarme ao respecto. No caso do asilo eu son unha traballadora asalariada, que exerce como directora do mesmo para a Fundación Hermanos Prieto. Obviamente é á entidade propietaria da instalación a quen se debe preguntar. No meu caso só lle podo dicir que descubrín un mundo apaixoante, o do atender ás persoas, e que cada vez me sinto máis identificada e satisfeita desta nova etapa profesional.

—Entre os proxectos nos que anda metida e AJE para que lle queda tempo?

—Para a música, que é a miña gran paixón. Foino sempre e seguirá a selo.

—Afección ou de xeito activo?

—O saxofón é o meu e toco na Banda de Música de San Cibrao.

Quen son.

«Unha persoa moi perseverante. Cando me propoño algo consígoo. Sempre tendo presente de onde veño, iso é o máis importante, e sen esquecer nunca quen son as persoas que me axudan a conseguir eses logros»