Ano electoral

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

Noite de agasallos e alborada de eleccións. Arrancou o ano e houbo quen xa non tivo paciencia para agardar ao remate das festas. Algún coñecido político felicitou o 2023 empregando as mesmas fotos que na campaña das pasadas municipais, por aquilo de ir preparando aos cidadáns para a cita das eleccións locais do 28 de maio, e tamén houbo quen se foi aos números para lembrar que faltaban non sei cantos días para unha nova etapa política. Sexa dunha ou doutra das maneiras o que está claro é que xa non hai volta atrás e nin en entroido, Semana Santa ou Letras Galegas imos ter descanso co que se nos vén enriba.

Certo que algúns xa levan tempo en formato electoral e todo pasa polo escenario posterior ao 28M. E volvemos ás lerias de sempre. A alcaldes da prehistoria que van seguir na mina —sexa por vontade propia ou por deixar a horta en herdanza—, a persoas que sen sabelo xa tiñan enriba a bitola de candidatos e que se poñen no mercado coa etiqueta do relevo xeracional, aos elexidos polo seu partido que se resisten a saír á escena porque están mellor na súa zona de tranquilidade —por máis que rematen onde non queren polo principio de reciprocidade dos servizos prestados—, a políticos fóra de foco que erguen a bandeira dos intereses cidadáns para enganar aos votantes cando o único que buscan só é vinganza persoal ou a candidatos que van sumando unha nova marca á súa carreira política ao tempo que enganan no lugar de orixe e os anos, por aquilo de aparentar o que non son.

De calquera dos xeitos o único certo é que quedan por diante uns meses nos que será imposible aburrirse.