«As zonas vitícolas teñen que visualizar como se diferencian nun mercado competitivo»

La Voz O BARCO / LA VOZ

OURENSE

Manuel Gago estará hoy en Valdeorras
Manuel Gago estará hoy en Valdeorras Sandra Alonso

O docente da USC é un dos poñentes da primeira xornada do Foro do Camiño de Inverno que comeza o sábado no Barco

07 oct 2022 . Actualizado a las 19:19 h.

A Ruta do Viño de Valdeorras organiza o primeiro Foro Camiño de Inverno: Camiño, paisaxe e viño nas Terras do Sil. Este sábado no Barco e o próximo na Rúa, recoñecidos poñentes falarán da historia, da cultura e do mundo do viño vinculado ao territorio, así como das súas potencialidades como destino turístico. Un dos invitados que estará mañá na Casa do Río Cigüeño barquense é Manuel Gago, doutro en Ciencias da Información da Universidade de Santiago de Compostela.

—Falará sobre Patrimonio Enolóxico e Turismo Gastronómico. ¿Cal é o obxectivo e sobre que claves se asenta?

—O meu obxectivo parte da base de que os territorios vitícolas tradicionais están marcados de xeito determinante, na súa historia e na súa cultura, polo viño, e iso significa que estas comarcas adoitan ter historias moi atractivas que converten ao viño nunha experiencia que vai máis alá do gastronómico e a converten nunha experiencia cultural. Hoxe en día, no competitivo mercado do turismo enogastronómico, un dos principais factores de diferenciación se atopa na capacidade que ten a cultura para construír unha narrativa para o viño a partir da memoria, o patrimonio material e inmaterial que o rodea. No meu relatorio abordaremos estas cuestións a partir de exemplos concretos desde o punto de vista internacional.

—¿Que fai falta para lograr que un territorio se converta nun destino enoturístico atractivo? ¿Que ferramentas de xestión e promoción se precisan?

—En primeiro lugar, moitas zonas vitícolas con potencialidade teñen que decidir que queren ser de maiores. É dicir, teñen que visualizar, de xeito razoado, cales son as súas potencialidades e como se diferencian nun mercado moi competitivo. Unha das ferramentas de xestión é ter unha visión a medio prazo de como se vai construír a narrativa que acompañará á promoción vinícola. Que imos contar, que imos destacar, que podemos, de xeito cabal, construír a partir da memoria do noso territorio. 

—¿Cre que o Camiño de Inverno ligado á enoloxía de Valdeorras ten potencial suficiente para atraer visitantes á comarca?

—Non hai dúbida de que o Camiño de Santiago é nestes momentos un activo fundamental para o turismo en Galicia. Tamén que o perfil do visitante do Camiño de Santiago é un perfil moi centrado na súa propia experiencia xacobea e non moi partidario de explorar outras cuestións durante esa viaxe. Por iso penso que unha boa estratexia pasa por aproveitar o valor da marca Camiño de Santiago para fomentar o coñecemento da zona e fomentar visitas específicas á comarca, con visitantes dispostos a explorar o territorio de xeito horizontal. 

—¿Que opina da iniciativa do primeiro Foro do Camiño de Inverno por Valdeorras?

—Considéroa de grande interese como un camiño para fomentar unha cultura enogastronómica na zona, compartir experiencias e debater en aberto posibilidades de futuro.