Putas

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

Putas, ninfómanas, conejas... Son algúns dos insultos que un universitario se puxo a berrar ás rapazas da residencia de enfronte en Madrid. E pronto se uniron boa parte dos machirulos do mesmo edificio. Outubro do 2022. Estudantes universitarios aos que se supón formados (o de educados queda claro que non) seguen vendo a sexualidade como un insulto cando son elas as que gozan do e co seu corpo. Seguro que eles mesmos fan bromas emulando ao follador vividor que sae na serie que o peta entre os adolescentes. Porque seguro que queren ser un (con ese nivel de listura demostrada, fácil aventurar que sexa así), pero non vaia ser que unha rapaza aspire a vivir unha sexualidade libre. Que non é cuestión de preguntarse como queren facer elas entre as sabas ou en calquera outro sitio. O que tería que caer de caixón é que cada un pode ter a vida sexual que queira. Mentres, claro está, respecte aos demais. Idea que, por certo, non entrou aínda na cabeza dos que conseguiron pasar a Ebau, pero non terían superado o ciclo de infantil de vivir en sociedade. Seguimos coñecendo casos de violacións a rapazas, moitas en grupo. Porque non é un tarado que se agocha, son unha manada que busca unha presa. Eses si que son animais. Son casos horribles que como sociedade nos teñen que facer reflexionar. Como pais, como educadores, como veciños, non o estamos facendo ben. Non pode ser que o machismo nos siga metendo medo ou coartando os nosos actos. E moito menos podemos permitir que perpetúen eses roles os que aínda están abrindo os ollos ao mundo. Non somos putas. Somos libres. Ou deberíamos selo.