María Caíña, escritora: «Poder ver o que crean a partir do meu libro sen dúbida é o meu soño»

OURENSE

A autora María Caíña
A autora María Caíña ALEJANDRO CAMBA

A autora carballiñesa gañou o Premio Selic 2021 coa súa primeira obra de teatro

24 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

María Caíña (O Carballiño, 1994) estréase con éxito coa súa primeira obra de teatro como gañadora do Premio Selic 2021. É un certame organizado polo Concello de Santiago, e deste xeito, a escritora puido ver publicada a primeira das súas obras de xénero dramático, que leva por nome Como agullas finas cravadas no pescozo.

—Cando comezou a escribir?

—Non empecei de nena como pode ser o habitual. Cando realmente lembro que comecei a escribir é cando empecei na universidade. Ata o 2019 non vin ningún dos meus poemas publicados. E ata hai pouco non comecei co teatro, só con esta obra.

—Como xorde a idea de escribir unha obra de teatro?

—Naceu a través dunha conversa cun amigo sobre guións de series. Díxome «por que non probas ti a escribir algo?». Pensei que iso era moi difícil. Pero supoño que me picaba a curiosidade, porque a min o teatro gústame moito como lectora e como espectadora. Entón dixen, pois vou probar. Crear esta obra foi unha aprendizaxe. Como experiencia a verdade é que foi moi bonita.

—Como se lle ocorreu esta forma de narrar os feitos?

—Ás veces non a ía construíndo eu senón que parecía que se ía facendo ela soa. Hai dúas compoñentes, unha máis achegada a min que é a dunha autora que está escribindo a súa primeira obra de teatro. Para min é moi sinxelo falar do que coñezo e do que estou experimentando no momento. A outra parte é unha historia dunha familia que non estou tan relacionada con ela ou ela comigo, pero non deixa de ser un acontecemento social habitual. Falo dos conflitos familiares e da violencia. Eu o que quería era forzar a situación tanto ata que a única forma de comunicarse das personaxe fose a violencia. O seu corpo necesitaba expresarse así.

—Por que escolleu o tema da violencia?

—A idea foi xurdindo a partir de certos temas que eu quería falar. Sobre todo o tema da violencia e da expresión corporal, e tamén da conciencia da culpa, e sobre como iso o levamos as mulleres día a día na nosa vida e que pasaría se iso se esaxera tanto que ten que rebentar. Por un lado quería falar diso e polo outro das propias experiencias de escribir unha obra de teatro, que era o que eu estaba facendo nese momento.

—Gustaríalle levar a súa obra á escena?

—Eu desexo que haxa algunha compañía de teatro que se atreva a facela. Escribín un libro e o libro existe por si mesmo. Pero eu quero que exista outra cousa que é a obra representada. O que realmente me encantaría sería que algunha compañía, non ten que ser profesional, pero que alguén se atreva, que o monte, que o faga e eu que poida estar alí e ver o que crean a partir do meu libro. Sen dúbida ese é o meu soño.

—Seguirá escribindo máis teatro?

—Escribir a primeira obra xa me deixou con ganas de seguir co teatro incluso antes de saber que ía levar o premio, porque me gustou moito a experiencia. O proceso de escribir esta obra ás veces ata me quitaba o sono pero gustábame, tiña esa dobre moral. Os premios ao final no sistema editorial galego son unha oportunidade, ás veces son a única que ten algunha xente para ver as obras publicadas e para recibir unha remuneración económica polo que crean e polo que escriben. Teño algunhas cousas en mente, algúns proxectos que estou comezando.

A perfección dunha lingüista que decidiu probar sorte co teatro

Non comezou a escribir cando era cativa, unha etapa da vida na que as palabras resultan un xogo. Pero María descubriu o poder das verbas cando comezou os seus estudos de Lingua e Literatura na Universidade de Santiago de Compostela. «Empecei pola poesía escribindo algúns poemas, pero sen ningunha finalidade». Ata que no 2019 foi gañadora do segundo Premio Mazarelos. Sen dúbida un pulo para o comezo do que sería a súa traxectoria polo mundo da literatura.

Rematados dous graos de lingua e literatura, tanto española como lusófona, e un mestrado de lingüística aplicada, María foi a gañadora dos Premios Selic 2021. A inmersión da autora no mundo do teatro levouna a triunfar e a seguir experimentando con este xénero. Aínda que ás veces a levara a desquiciarse. María compaxina o seu traballo como correctora e tradutora co doutoramento que está a facer pouco a pouco. Unhas veces máis frustrante ca outras, recoñece, pero que cando os seus proxectos vexan a luz, será como «unhas agullas gravadas que pican pero que despois quedas a gusto».

O DNI:

Quen é. A carballiñesa María Caíña é a gañadora dos Premios Selic 2021 organizados polo Concello de Santiago de Compostela.

Que escribiu. A obra gañadora titúlase «Como agullas finas cravadas no pescozo», a primeira de xénero dramático.

Que fai. Tras rematar na universidade, está a realizar o seu doutoramento mentres compaxina estudos con traballo.