A cegas, outra maneira de facer teatro

Andrea Otero OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Alejandro Losada (esquerda) é o protagonista de Ubú Rei.
Alejandro Losada (esquerda) é o protagonista de Ubú Rei. MIGUEL VILLAR

O grupo ourensán Muxicas está formado por intérpretes con discapacidade visual

07 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O grupo de teatro Muxicas é un colectivo ourensán formado por actores e actrices invidentes ou cunha discapacidade visual grave. A formación, que está impulsada pola delegación da ONCE en Ourense, leva case vinte anos facendo posible que persoas con diversidade funcional poidan achegarse con profesionalidade aos escearios. Dende o 2007 a dirección do grupo recae en Tito Asorey e Melania Cruz, dous referentes do panorama teatral e audiovisual galego. A súa representación máis recente foi a adaptación da peza teatral Ubú Rei, estreada o pasado mes de xullo en Ourense. «Nunca en toda a historia de Muxicas tivemos esta acollida nin ao público tan apaixoado polo que estaba presenciando», relata Tito Asorey. 

Ubú Rei é a nova montaxe de Muxicas. Despois do parón pola pandemia apetecíalles facer unha comedia delirante, polo que puxeron en escea a obra de Alfred Jarry. É unha peza rompedora que foi estreada a finais do século XIV marcando os comezos da contemporaneidade do teatro. «A peza comeza coa palabra merda», conta Tito Asorey. O humor grotesco caracteriza a actuación: o personaxe principal é unha persoa sen cualidades éticas que alcanza o poder e converte o seu reino nun lugar horrible para vivir. «Nós como grupo ourensán queriamos facer unha homenaxe a nosa cidade», indica o director de Muxicas.  

Tito Asorey dirixe o grupo coa actriz Melania Cruz.
Tito Asorey dirixe o grupo coa actriz Melania Cruz. MIGUEL VILLAR
 

O obxectivo desta agrupación artística é loitar pola inclusión deste colectivo no eido escénico eliminando os prexuízos e falsos mitos sobre a cegueira. «A verdadeira inclusión é facer unha peza na que a cegueira é unha característica como ser baixo, calvo, gordo, delgado ou con caries», opina Tito. 

Alejandro Losada: «Cando envías un currículo no que pon que tes discapacidade visual bótanse atrás por descoñecemento»

Un dos oito actores que forman actualmente parte de Muxicas é Alejandro Losada, protagonista da peza Ubú Rei. Alejandro é un actor monfortino de 20 anos que convive coa cegueira total dende os 14. A pesar de non ter ningún título que o acredite como actor, o seu mestre, Tito Asorey, opina que podería dedicarse profesionalmente ao mundo da interpretación. 

Ademais de actuar en Muxicas, Alejandro ten outras experiencias no mundo da interpretación: participou na curta O neno sardiña, de Lucía Estévez, e en O home e o pan, unha longametraxe que foi filmada recentemente na cidade de Ourense. Nesta última, Alejandro interpreta un personaxe con cegueira. «O espectador non percibe a miña cegueira cando actúo», indica Alejandro. O actor conta que para logralo traballa moito na inmersión e na expresión corporal. 

Nun futuro, a Alejandro gustaríalle poder traballar en máis proxectos audiovisuais. «Podería estar traballando máis pero cando envías un currículo no que pon que tes discapacidade visual bótanse atrás por descoñecemento», afirma. El mesmo asegura que o único que se precisa é cambiar os métodos de traballo: «Traballar con actores cegos non é máis difícil, só é diferente». 

Actualmente estase incorporando ao mundo laboral como administrativo, pero nun futuro gustaríalle formarse profesionalmente na interpretación para consolidar a súa carreira como actor profesional.