Román Rodríguez destaca o prestixio dos Losada Diéguez

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

cedida

Moldes acolleu a entrega dos premios deste ano e do 2020

12 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O pazo de Moldes acolleu unha edición diferente a cantas se levan celebrado nos seus trinta e sete anos de historia. Por vez primeira entregáronse nun mesmo acto os galardóns correspondentes a dúas edicións dos Premios Antón Losada Diéguez: a deste 2022 e a correspondente ao 2020, que non se puidera celebrar pola pandemia. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, participou por vez primeira na actividade que se desenvolve cada ano en Boborás. Amosouse «gratamente sorprendido. Por coñecer este pazo e estar nun lugar como Moldes, no que se conserva a memoria de persoeiros como Losada Diéguez e Chamoso Lamas, e por participar na entrega dun premio do prestixio deste, no que só hai que mirar a nómina de galardoados para decatarse da súa importancia», sinalou.

Santiago Lopo, por A Carteira, e Roberto Mera Covas, por Alejandro Viana. Un galego ao rescate dos refuxiados republicanos, foron galardoados cos premios de Creación Literaria e Investigación e Ensaio —respectivamente— deste ano. Tamén se entregaron os do 2020: Camilo Nogueira en investigación por Unha nación no mundo. A razón resistente (1480-2010) e a Eduard Velasco, pola obra Os días felices de Benvido Seixas. Neste caso o galardón foi recollido por Fran Alonso, ao non poder desprazarse o autor ata o pazo de Moldes.

Domingo Villar e Mercedes Losada

Nas intervencións do acto de entrega dos Losada Diéguez houbo palabras de lembranza e homenaxe para Domingo Villar —levou o premio por A praia dos afogados— e Mercedes Losada Espinosa, a filla do intelectual que dá nome aos galardóns.