Un vídeo que prende a neve e o novo disco de Guezos

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

OURENSE

Parte dos músicos de Guezos
Parte dos músicos de Guezos Santi M. Amil

O grupo ourensá presenta o seu novo disco e o videoclip do tema que lle dá nome «Faíscas»

09 jun 2022 . Actualizado a las 14:09 h.

Modesto Cid, Xabier Domínguez, Anxo Fernández, Fran Díaz, Roberto Reboiro e Adrián Beiroa son os músicos do grupo Guezos, unha banda que naceu a finais dos noventa como proxecto para facer música tradicional galega. Son galegos, docentes, pais e moi amigos... e tamén son músicos, moi creativos, e un pouco produtores. Agora, despois de catro anos salpicados con temas e colaboracións, presentan o seu novo disco e para festexalo lánzano co primeiro videoclip, o do tema que da nome ao álbum, Faíscas, que presentarán esta tarde, ás sete, no Liceo de Ourense. «Queriamos facer algo diferente, de feito nós non saímos na peza», afirma Modesto. Aínda así, están moi presentes en todo. Contaron coa axuda do realizador Aitor V e dos actores Sergio González, Alberto Medeiros e Emilio Domínguez para darlle vida. «Foi unha experiencia brutal», admite Fran. Rodárono nu lugar recóndito, A Edreira, no corazón do Macizo Central, só rodeado de natureza. «Facendo unha ruta co todoterreno perdinme e atopei unha cabana que antigamente era un refuxio dos maquis. Cando propuxeron un lugar na metade do monte para gravar souben que era ese», conta Xabier. Os días do rodaxe a zona estaba chea de neve, que nin o fogo de Guezos conseguiu derreter. «O tema é o concepto do disco. As faíscas son algo efémero, que brilla moito e produce unha sensación moi rápida. Pode simbolizar o paso da vida», apunta Anxo. «E logo unha faísca pode prender a outra e xuntas facer un todo», engade Modesto. Eles, que fan música tradicional pero tamén se animan a versionar a Pink Floyd, din que son uns indis de independentes. «Porque todo o que se ve e se escoita facémolo absolutamente nós», explica Fran.

No disco van tres versións —unha de Wish you were here con gaita, outra da Danza de Meirol de Berrogüetto e outra de Light of day de The Silent Comedy— e catro temas propios nos que Guezos mestura tradición e folk co son máis actual. «Creo que este álbum é o mellor de nós mesmos. Son temas auténticos, que nos gustan e que son bonitos, cunha melodía e unha letra que emociona, de verdade», afirma Fran. «E ten un traballo bestial de esixencia e perfeccionamento, no que nos axudou moito David Quintas, que regresa ao grupo como guitarrista para este proxecto e que tamén puxo o estudo de gravación ourensán Xílgaro», comenta Modesto. Din que tiveron tempo para reflexionar e escoller cada verso e cada tonalidade. O resultado pode escoitarse en todas as plataformas dixitais dende este venres. E para velos en directo, mellor seguilos nas redes, teñen unha ducia de concertos este verán, que arrincan na Arca da Noe, en Vilar de Santos, este sábado.