Cereixas á cuneta

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE

29 may 2022 . Actualizado a las 22:10 h.

Sabes cando estás a piques de chegar a unha rotonda cando ves unha estrutura de palés de madeira de cores de 1,20 por 0,8 metros cunhas caixiñas de cereixas, disque, do Jerte, e o tráfico comeza a ser máis denso, como se fose un trombo que se ten que disolver coas froitas vermellas. Os intermitentes, a pares, non usados por norma, tampouco o son para esta parada golosa.

Ti ben sabes que se está a tramitar o anteproxecto de Lei de Calidade Alimentaria de Galiza mentres paras a mercar a caixiña de cartón. Pode ser que che recorde ás enchentas nas cerdeiras dos veciños, moito máis sabrosas que as túas, e queiras levar a caixa das carabuñas da infancia para a casa. Ti ben sabes o que é a esixencia da trazabilidade, trazas a curva para entrar na redonda.

O primeiro dos obxectivos fundamentais desta nova norma é a loita contra as prácticas desleais na produción e comercialización de alimentos. A Consellería do Medio Rural debe poñer os medios necesarios para liquidar esta venda á cuneta. Ou vostedes imaxinan uns postiños pola Vía da Prata de pementos de Arnoia, ou de Oímbra, ou algunha extravagancia como pementos de Padrón.

Esta nova lei, xunto coa de recuperación de terras, querían ser os sólidos alicerces da recuperación do rural ourensán. Os polígonos agroforestais, as aldeas modelo e demais andrómenas esvaran cando dende a Consellería non se ten control algún desta comercialización de alimentos.

O novo anteproxecto ten entre outros obxectivos impulsar a transformación, co correspondente aumento de valor engadido. Xa argumentamos noutros textos que a maquinaria da industria alimentaria raramente se deseña no país e que se depende do coñecemento doutros. Agora que é necesaria máis que nunca unha soberanía alimentar, non fomos quen de poñer nin os precarios cimentos ao borde do carreiro, e iso que levabamos vantaxe co coherente banco de terras do 2007.

Sempre esperamos máis destas normas, que tratan de regular os dereitos dos consumidores, dos produtores e dos comercializadores, pero estas mesmas leis nacen con orzamentos limitados en capacidade de inspección e rematan cun adiantamento pola dereita.

O remuíño no que se atopa a produción agraria na provincia, con materias primas e enerxía en claro ascenso de prezos, pode levar á cuneta un sector en menos dunha década si só se responsabiliza aos demais das tarefas propias da Xunta.