Baltar

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE

17 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Ociclista do maillot preto saca un sucio calendario do peto e berra: quen me levou o mes de abril? Como puido sucederme a min, que visto de traxe gris, e que xa cambio o piñón para subir ao monte Pio. Poderiamos coller o dito popular dos paus e das rachas e atopámonos coa mesma situación: a oportunidade do vástago que lle cae do ceo de Madrid nun abril, que ben podían roubalo como na canción de Sabina. Pero neste abril, onde os pillos das comisións das máscaras levantaron os millóns, o noso pillabán non o podía deixar pasar sen rascar tallada. Xa o pai, a finais de setembro do ano 2004, anunciara un cisma fronte á dirección do partido encabezada por don Manuel. Cando digo que xa o pai, falo de José Luis Baltar. A prensa escrita anunciaba que podían abandonar o partido un clan de notábeis do sur, entre eles o que hoxe é Presidente do Parlamento. Se aquilo chegara a ocorrer, o PP perdería o goberno da Xunta e un novo partido emerxería en Ourense. Semella que non foi unha querencia á ourensanía o que os levou a facer tal afronta, senón a máis vulgar eiva do ser humano, a soberbia. Daquela as interferencias que a dirección nacional provocaba na organización provincial apertaron o gatillo da rebelión. Neste caso, e vistos os precedentes, parece un acordo semellante. Unha disputa do noso presidente (o da Deputación) polo liderado do PP é interesante dende un punto de vista estratéxico. Un exemplo no marco da manipulación das identidades nacionais: no fin do 2017, mentres Cataluña votaba en referendo (disque ilegal), Ourense inauguraba In tempore Sueborum. Parece que xa dende o ano 411 a vía Galega independente é posible. José Manuel Baltar foi o promotor desta exposición. Tamén o foi de reivindicar que o 17 de agosto se celebre o Día da Galicia Martir. E así vai desprazando o marco nacionalista á súa figura. Son consciente do peso que as identidades nacionais están a ter na política europea, Marine Le Pen, o máis próximo. José Manuel Baltar, quen acaba de demostrar o seu oportunismo e quen escolle fitos da historia galega para o seu imaxinario, pode acabar lapidando ao PPdeG, e nunha sorte de Rassemblement national, de ser elixido, pode que nos devolva ao neofeudalismo.