Ocancro non é rosa, din sobre todo as que o sofren, e o feminismo non é lila. O primeiro é unha enfermidade que vén para poñelo todo patas arriba na vida de enfermos e familiares, e o segundo é unha loita diaria. Unha loita que se visibiliza cada 8M, si, e marabilla ver que somos moitas as que non nos conformamos co que hai. E máis vendo como estaba onte a cidade. Pero a loita sigue hoxe aínda que non saiamos á rúa berrar. E ten moitos matices. Porque se miramos cara o noso carón, deberíamos sentir pavor de como vai avanzando Vox. Porque paso que eles dan para adiante, empurrón que nos dan a nós cara atrás. Porque non me vendas que concordas con eles en cuestións económicas ou farrapos de gaita, porque o que vai detrás diso é unha idea clara de que temos menos dereitos que os homes só por ser mulleres. E eu non quero máis. Pero tampouco menos. Nin para min nin, por suposto, para a pequecha. Quero que sexa libre, que poida estudar (se quere) o que lle pete, que practique o deporte que lle guste sen ter que escoitar que iso non é para as nenas, que traballe no que máis lle guste, que poida ter fillos e coidalos mentres ten unha carreira de éxito se iso é o que quere facer da súa vida... E que poida saír de noite sen ter que pensar que hai rúas perigosas, que poida vestir como lle pete e espirse con quen queira sen que ninguén crea que por iso ten dereito a mancala. Claro que vendo como está o mundo, igual é mellor ir buscando o unicornio rosa como regalo para o seu aniversario... que seguro que é máis fácil de conseguir que esa igualdade que tan lonxe semella estar de novo. A loita segue hoxe, e mañá, e...