Comecei a escribir estas liñas aínda coas roupas do crego da Voda da Pita. Como dicía a miña avoa, que bo ministro de Deus daba, mais os vieiros do Señor non deben ser percorridos por aqueles que se alonxan do camiño da fe. A volta á praza das Eiroas foi un fito que levábamos agardando dous anos. Recordo que en febreiro do 2020 as actrices e os actores facíamos burla do coronaviruía; esta vez o elenco suplicou polo cumprimento das medidas sanitarias vixentes, a saúde de todas aínda segue a ser a nosa maior preocupación, e máis agora que a Xunta traslada o diagnóstico aos pacientes. Tiñamos un teléfono vermello a Moscova, que visto o que está a suceder, tivemos que retirar do guión; a personaxe que dispara un revolver, polas pitas sempre é reducido, unha mensaxe pacifista fronte aos autoritarismos. O resto da peza foi como estaba ordenado, e damos as grazas ás veciñas e aos veciños que nos arrouparon. E xa que entramos no fío do entroido, hai que seguir animando aos colectivos que tratan de recuperar dende traxes a máscaras, dende mecos a bailes, dende fulións a receitas, ou dende corredoiros a fareleiros. Se simplemente se metía borralla nos petos e os raparigos corrían uns por tras dos outros para emporcallar as facianas, ou se ataba na escada ao que traballase no medio-festivo, debemos documentar e tratar de recuperar para non caer no esquecemento. A memoria colectiva, cada vez máis fráxil e máis influenciable, debe gardar un aquel co pasado sen contaminalo. O mércores de cinza foi cando O Noso Presidente cambiou o paso. As decisións baixo a mortificación do cilicio non son das que me gusta tomar a min, pero cada pau que aguante a súa candea. Gloria, Gloria Aleluia! leven a quen parece un estoico, un monacal frade, pero non o devolvan cando presente os números da súa administración e da súa gobernación. No 2021 a débeda pública da Galiza superou os 12.000 millóns de euros, e tendo os servizos públicos como os ten, xestión, xestión non é. A caída das máscaras no mércores de Cinza amosou a represión pecaminosa de quen agocha un Génova, Génova, Génova por baixo do Galicia, Galicia, Galicia, o estraño capricho do noso presidente. Debe ser ese curiña que nunca fun, o que me lembra esas frases tan bíblicas que tanto lle pegan, «negarasme tres veces, Alberto, antes de que o galo cante».