«Godaxe!», de Brañas Folk

Emilio R. Portabales TRIBUNA ABERTA

OURENSE

Santi M. Amil

21 feb 2022 . Actualizado a las 22:11 h.

Hai unhas semanas apareceu o último traballo do grupo ourensán Brañas Folk que leva por título Godaxe!, é dicir, festa, segundo a lingua gremial dos músicos coñecida como barallete dos xingros. Título que non se corresponde coa realidade que estamos a vivir, pero que parece convidarnos a mirar cara a feble luz que se comeza a albiscar ao final deste longo túnel. É o cuarto cedé deste grupo capitaneado por Manuel Brañas (habería que engadir outros catro publicados coa súa anterior formación Arco da vella), ao que ben se lle podería aplicar aquilo de que «Os vellos xingros nunca morren», parafraseando o título da biografía de Miguel Ríos escrita en 1983 por José María Esteban.

Neste novo cedé Brañas ofrécenos unha acertada variedade de pezas tradicionais (alalás, muiñeira, xota, trullada, rumba, alborada...) —harmonizadas por Pancho Álvarez, Olga Brañas, Brañas Folk e Mar Gómez— e dúas pezas do folclore celta: Capitán Dunnes (irlandesa) e Mega Reel (escocesa), magnificamente interpretadas todas elas. Persoalmente, práceme comprobar como seguen a darlle prioridade ás pezas baseadas no patrimonio musical ourensán, de xeito que neste traballo podemos atopar: Xota de Moialde, Rumba de Escornabois, Bailando a muiñeira (con letra de Pura Vázquez e música de Olga Brañas), Ao pé das Burgas, Canto da vendima de Castrelo, Trullada da Castiñeira e Alalá de Vilanova.

Permítanme que, dende a miña militancia ruadista, me deteña nas catro últimas. Ao pé das Burgas é unha peza dedicada á memoria de Francisco Jesús Vázquez, quen adoitaba interpretala. Francisco José foi gaiteiro de De Ruada. O Canto da vendima de Castrelo é unha fermosa peza tradicional, arranxada por Olga Brañas, que contén unha das letras da Trullada da vendima, do repertorio da Coral De Ruada e outra de Ana Dosouto, que, ademais a interpreta de xeito sublime. A Trullada da Castiñeira é unha peza do repertorio de De Ruada gravada en 1974 (CBS) co nome de O San Martiño. Posteriormente, en 1980, gravouna (Limoeiro) a Charanga do Cuco de Velle co nome de Rosiña. Como seguramente todos vostedes saben, o Cuco foi membro da Coral De Ruada. Nesta fermosa versión, Brañas Folk ten o acompañamento do Orfeón Treixadura. Finalmente, o Alalá de Vilanova tamén forma parte do repertorio da Coral De Ruada, que a gravou en 1964 (Columbia). A magnífica versión de Brañas Folk leva acompañamento de zanfona, tal como se interpreta agora na Coral. Recoméndolles encarecidamente este novo traballo de Brañas Folk. Os vellos xingros...