T
04 dic 2021 . Actualizado a las 21:41 h.A miña avoa era moi cantareira. Era capaz de pasar do grave ao máis agudo, unha cousa moi rara que logo vin repetirse noutras mulleres do seu redor. Alongaba como ninguén as palabras nos cantos da igrexa, a de Santa María de Melias (da que tiña as chaves, por certo), esa á que eu chamo catedral porque sempre será o lugar máis sagrado que coñezo. Alí podíase atopar á miña avoa en case calquera momento do día. Sempre que non estivera no eido ou coas galiñas. Dábanselle ben as nanas. Eu non recordo con exactitude ningún dos versos desas cancións, pero sei moi ben a imaxe que teño delas. Vexo o frío debuxarse na porta, os camiños cheos de cores verdes e algún que outro gato perdido no tellado. Véxoa a ela cunhas zapatillas de andar por casa grises, co mandil posto. E vexo as súas mans, engurradas pero ben fortes. Tamén lembro a que cheira o que cantaba: a leña que quenta na cociña francesa e tamén a castañas e, moi de cando en vez, a chocolate —sempre Chaparro, sempre mesturado con leite—. Penso que todo isto son recordos compartidos cos que teñen un recuncho no rural galego ao que chamar fogar. E que sorte temos, non si? Fogar é a nosa terra, a nosa lingua e tódalas nosas tradicións; que no meu caso están representadas coa miña avoa. Por iso hoxe escollín o galego para dirixirme a vós, porque tamén era a lingua que falaba ela. Tíñao todo adormecido na memoria, pero o domingo as Tanxugueiras encargáronse de espertalo polas boas. Estas tres mulleres son coma un remuíño de enerxía. Son unha volta á nosa orixe e unha adaptación de todo o bo que temos. Son pura tradición e arrepíos de orgullo galego. E teñen un valor cultural incalculable. A miña avoa estaría feliz de escoitalas. E ailerelelerelé.