«Estar na Academia véxoo como sinal do camiño cara a un universo máis diverso e plural»
A presidenta da Fundación Risco é doutora en Dereito. Autora da primeira tese de licenciatura en galego sobre o pensamento de Concepción Arenal, tamén o é de publicacións como A aportación de Concepción Arenal no marco do Estado liberal español e A discriminación de xénero na negociación colectiva: vellas inercias e novos retos para a igualdade. Hai uns anos promoveu a edición en galego dunha obra de Clara Campoamor: O meu pecado mortal. O voto feminino e máis eu. Coincidindo coa xornada de irmandade das fundacións de Nós celebrada en Ourense a Real Academia Galega anunciaba a designación da xurista Celia Pereira Porto e o crítico literario Ramón Nicolás como novos correspondentes da institución.
-Como valora o nomeamento?
-Estouno asimilando. Foi todo moi rápido e chegáronme moitos parabéns, tamén apuntamentos como que serei a académica máis nova das que estará alí. Valóroo de forma moi positiva porque houbo persoas que me incidiron no feito de que pode ser o signo dunha nova etapa, con máis mulleres, persoas doutra procedencia e xente máis nova. Aínda que lle dou máis importancia a que se destacase que mesturo o mundo académico coa cultura de base. Véxoo como un sinal de que a Academia camiña cara a outras realidades, cara a un universo más diverso, fresco e plural.
-Veñen de pechar as Xornadas Romasanta. Segue tendo interese a súa figura?
-Hai moitas persoas investigando arredor do mesmo, tanto dende o punto de vista literario como de traballos científico-técnicos. E seguen a aparecer novos proxectos. Mentres esperte o interese que xera ata o de agora manteremos as xornadas. Logo xa se verá.