Sarabela achégase a Nós dende o teatro

La Voz

OURENSE

Miguel Villar

A compañía ourensá e Ollo Vivo estrearán este venres a montaxe sobre o legado da xeración

28 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O 30 de outubro de 1920 saía á rúa o primeiro número do boletín Nós e Galicia tivo que adiar os actos de conmemoración do centenario da revista por mor da pandemia. Xa no remate das celebracións, o venres chegan os 101 anos, as compañías Sarabela Teatro e Ollo Vivo presentarán a aportación á efeméride dende a visión da escena galega. A montaxe «Semente de Nós» -que se estreará mañá, día 29, ás 20.00 horas- foi presentada no mesmo escenario onde se verá por vez primeira: o do Teatro Principal de Ourense. Ánxeles Cuña (Sarabela), Lucía Estévez (Ollo Vivo), Anxo Lorenzo (Xunta) e César Fernández Gil (Deputación) deron a coñecer o proxecto xunto a Olga Mojón, directora do Principal.

Ánxeles Cuña asegurou que «Semente de Nós» é un proxecto especial que chega ao remate do centenario e que era obrigado facer unha aportación dende o teatro galego e, xa que logo, dende Ourense. A proposta de Sarabela e Ollo Vivo é un docudrama que proporá un achegamento a unha xeración e un legado que «son inabarcables e monumentais», en palabra de Cuña. A montaxe céntrase no intervalo de tempo entre os anos 1916 e 1936 para lembrar proxectos ou iniciativas como as Irmandades da Fala, A Nosa Terra, a publicación do «Nós» de Castelao e a celebración da histórica Asemblea de Monforte. As propostas audiovisuais, da man de Ollo Vivo, ou a coreografía de Nuria Sotelo foron aspectos destacados pola directora. Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, destacou o carácter interxeracional do proxecto e o feito de servir «para amosar á mocidade as nosas raíces culturais e construír o futuro dende os piares da arte, a ciencia, a memoria e a cultura».

Textos representativos

Anxo Lorenzo tamén participou, na Biblioteca Nós, na presentación dos dous novos volumes de Hércules de Edicións que completan a triloxía «Do mellor de Nós».