Un libro repasa as aportacións do carballiñés Fernando Blanco á arquitectura

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Sandra Alonso

A publicación foi presentada no Centro Galego de Arte Contemporánea

22 oct 2021 . Actualizado a las 10:51 h.

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Santiago de Compostela acolleu este xoves a presentación da obra Recortes, unha publicación editada polo arquitecto Luis Gil Pita que se centra no traballo do carballiñés Fernando Blanco Guerra e as súas aportacións á arquitectura. A publicación contou para a súa edición co apoio do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), os concellos de Santiago de Compostela e O Carballiño, os grupos Rodiñas e Puentes e as escolas de arquitectura de A Coruña e Guimaraes, entre outros. Nos centros galego e portugués exerceu como profesor o arquitecto carballiñés. 

De Gallego Jorreto a Ferreira

Recortes fixa o comportamento vital e creativo de Fernando Blanco, como arquitecto e como artista plástico, e faino nas diferentes voces que aportan profesionais como Manuel Gallego Jorreto, Paulo Ferreira, Daniel Hermosilla, Julio Grande e Guillermo Bertólez Cué, ademais da do propio Blanco Guerra.

Segundo o editor, Luis Gil Pita, o carballiñés «é a bo serguro -como se deduce do comentario de Manuel Gallego- un deses arquitectos que veu a cubrir parte dos ocos non transitados pola cultura da arquitectura desde os anos 40, debido ao impacto que deixou a Guerra Civil e a posterior ditadura».