Uxía: «A poesía é un alimento para a alma»

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

OURENSE

José Luiz Oubiña

A artista galega estará este venres no OUFF presentando «Acorda» e o sábado en concerto no Poemagosto

01 oct 2021 . Actualizado a las 17:21 h.

A cantante Uxía é un dos pratos fortes da programación desta edición do Poemagosto. A actuación de Uxía, que estará acompañada do músico Sérgio Tannus, será o sábado ás 20.30 horas e as entradas, cun prezo simbólico de 5 euros, poden adquirirse na web do Poemagosto.

Pero Uxía chegará a Ourense un día antes. A artista estará hoxe na cidade de As Burgas para presentar o documental «Acorda», no que traballa como directora artística e tamén pon voz á súa banda sonora. Trátase dun traballo audiovisual que forma parte da programación desta edición do OUFF e que poderá desfrutarse nunha proxección ás cinco da tarde no Teatro Principal.

—Que é «Acorda»?

—É un documental que promoveu o departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra e que pretende ser un canto de rebeldía e resistencia fronte a represión franquista na provincia pontevedresa. Concretamente son sete lugares moi simbólicos de esta represión coma a illa de San Simón, a Bombardeira en Baiona... Falamos coa xente que o viviu en cada un deses lugares e fomos poboándoos con música para contalo dun xeito diferente. O guión é de Lois Pérez, que lle deu moitísima personalidade e emoción ao texto, poñéndose no lugar da xente que o sufriu. E logo, por suposto, están ás músicas. Escollémolas en función do que podía ter sentido en cada lugar. Participan as Tanxungueiras, Eladio Santos, o grupo Ezetaerre ou Sheila Patricia, entre outros.

—E o sábado toca Poemagosto.

—Si, eu levo anos coñecendo esta cita poética e sempre me pareceu un festival de referencia. A verdade, que nos chamaran nesta edición fíxonos moita ilusión, ademais os últimos discos que teño editado teñen moito que ver coa nosa poesía, un dedicado integramente ao poemario de Uxío Novoneyra, outro a Manuel María, a Rosalía... Os poetas están moi presentes nos meus traballos. Son unha gran amante da poesía, leo a diario e penso que é un alimento para a alma e nestes momentos máis que nunca. Ademais temos que dicir que o meu músico, Sérgio Tannus, fai pouco que se mudou a Xunqueira de Ambía, así que está moi ligado a toda esta zona e para el participar no Poemagosto é especial.

—Como será este concerto?

—Faremos un repertorio moi ligado aos traballos monográficos que fixemos sobre poesía, porque non podía ser outra forma. Pero tamén se escoitarán algúns temas novos, inéditos. Con moito cariño cantaremos un sobre a poesía de Sophia de Mello Breyner, que fixemos nunha residencia artística en Portugal.