Oabsoluto deprezo ao que está sometida a nosa terra, empúrrame a estas verbas. Con datos estatísticos, Ourense produce case o 10 % da enerxía hidroeléctrica do estado, e ao mesmo tempo está a ser a máis chuchada; déixannos secos por avaricia. Recórdolle á veciñanza que o noso MB é o vicepresidente da Federación nacional de asociacións e municipios con centrais hidroeléctricas e embalses (Femembalses). Outro vicepresidente, o noso Plácido, ve o encoro de Salas a un mínimo da súa capacidade.
Timidamente a ministra fixo unha declaración da lexitimidade sobre o razoable. Porque nin o vicepresidente do presidente, nin o presidente, -que tamén é vicepresidente, nin o dos Peares presidente, foron capaces de por sequera unha simple queixa formal. En decembro do 2020, na presentación do manifesto sobre o futuro das concesións hidroeléctricas de España, MB dixo: « […] reivindicar el protagonismo de nuestros territorios en algo tan importante como la producción y la generación de la energía hidroeléctrica. Como territorios cedentes que somos, tendrán que repercutir en ellos los beneficios de esa explotación hidroeléctrica, porque hablar de eso es hacerlo de reto demográfico, y los gobiernos provinciales son elementos activos importantísimos en esta dinámica». Baltar II xa chega tarde, cuns beneficios de case mil millóns anuais, incluso pechan o centro de control da Rúa. É o momento da contestación pública a súa non actuación. Recordamos a manifestación do 23 de abril de 1988 por unha Universidade pública; daquelas o sentir xeral era o da inexistencia. Moito temos camiñado dende entón. Hoxe temos un Campus da Auga, mentres a cidadanía agarda por unhas palabras do comité de expertos que ten como misión a xestión dos recursos hídricos. Alomenos que interprete os estudos de Elinor Ostrom, Nobel en economía no 2009. A súa demostración da xestión dos bens públicos en mans comúns foi merecedora de tal recoñecemento; o concepto da traxedia dos bens comúns casa coas súas teses e por desgraza coas da provincia. Non poden estar en mans privativas os recursos dos que depende a sociedade para vivir. A xestión por parte veciñanza resulta ser máis eficiente e mellor redistribuída. Como sociedade esperamos máis destes radioestesistas universitarios, incapaces de escribir nin un manifesto. O baleiro supera a realidade. Seguindo a tradición, MB faltou ás súas verbas. Mentres todos nos preocupamos, Baltar fillo estará a lembrar como Roberto Kennedy, aquel sobriño de JFK, se chimpaba a auga do encoro con tremenda gallardía. Agora caería na lama, coma todos nós, inevitable destino da provincia do quilovatio de ouro.