Pablo Nogueira, mestre e escritor: «Quero que os nenos pensen que a diversidade é algo que nos enriquece»

Lúa Rodríguez / R. N. P. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Pablo Nogueira, cunha das súas obras
Pablo Nogueira, cunha das súas obras BRAIS LOUREDA

Na súa obra, o carballiñés pon en valor a importancia das relacións interxeracionais

16 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O profesor carballiñés Pablo Nogueira gañou o XVIII Premio «Pura e Dora Vázquez» de narración coa súa obra «O clube de coleccionistas de selos». Nesta novela infantil, o escritor traballa cos estereotipos, os xuízos de valor e os prexuízos. Ademais, pon en valor a diversidade funcional, as relacións interxeracionais e o coidado do medio natural. Aínda non se publicou porque hai un concurso aberto para crear as ilustracións.

—De qué trata a obra?

—Aristóteles, que é un neno cun implante coclear, fala por carta co seu avó, que vive na aldea. O neno cultiva a paixón de coleccionar selos que o seu avó lle transmitiu antes de finar, xa que era carteiro. Xunto con Sócrates e Atenea, que son tamén nenos con discapacidade, forman o clube de coleccionistas de selos e vanse enfrontar a unha serie de misterios.

—Os nomes fan referencia a personaxes históricos.

—Apetecíame traballar con nomes clásicos para confrontar o pasado ca actualidade. Os nenos teñen nomes pertencentes a cultura clásica nos tempos de agora. Tamén hai una reflexión que se pode intuír entre liñas. Nos tempos de Internet e das redes sociais, a forma de comunicarse de Aristóteles co seu avó é a través das cartas. Sempre hai un choque entre a antigüidade e a modernidade.

—As relacións interxeracionais é un dos temas principais da obra.

—É outra cousa que me parece moi importante porque estamos practicamente conectados a Internet, as redes sociais ou a televisión. Tamén é necesario parar un pouco e escoitar aos nosos avós, que son fonte de sabedoría, de vida, de agarimo e de comprensión. Puxen o acento en prestar atención aos familiares máis maiores porque non se lles pon en valor o suficiente. Temos que pensar que hoxe están, pero igual mañá non. Por iso, é necesario que pasar tempo con eles. De aí ven a relación tan especial que Aristóteles ten co seu avó.

—Tamén destaca a importancia de coidar o medio natural.

—Os capítulos rotan entre narrador omnisciente e narrador en primeira persoa. Este último é Carbón, o antigo can do avó de Aristóteles. Carbón naceu noutro país, onde foi adestrado para ser detective. O irmán de seu avó tróuxollo a aldea para que lle fixese compañía. Cando morre, trasládase a vivir con Artistóteles para a cidade. Baixo a súa perspectiva, faise un contraste do que hai na aldea e do que hai na cidade. El está acostumado a vivir na aldea e cústalle un pouco adaptarse a cidade. Tamén fai una crítica das actitudes que teñen os humanos na cidade: o tráfico, os ruídos, a contaminación... Gustábame a idea de facer a narración en primeira persoa para darlle máis credibilidade as cousas que conta.

—Sempre tivo clara a idea?

—Tiña máis ou menos a idea de que quería facer unha novela infantil cunha serie de valores, como todas as anteriores. É verdade que dende un principio tiven claros os personaxes e a trama. A miña intención era mostrar que as limitacións unicamente existen na nosa mente. Ter diversidade funcional non ten que impedir completar os soños e obter as metas. Quería traballar sobre os estereotipos, os xuízos de valor e os prexuízos. É por iso que tiña claro que ía caracterizar moi ben ós personaxes. Para iso, era necesario dotalos de moita personalidade e acentuar esas características de forma que un neno que se achegue a novela pense que non hai ninguén diferente. Todos somos diferentes e a diversidade é algo que nos enriquece. Temos que axudarnos as dificultades que nos poidamos atopar.

—Que supón para vostede que o xurado valore a novela como un recurso literario para os profesores?

—É un orgullo e una motivación. Escribo literatura infantil para o alumnado. Aínda teño a miña parte de neno que goza escribindo estas historias. Como autores de literatura infantil, e tamén como profesores, temos a responsabilidade de animar aos nenos a ler. Sempre que leamos vamos fomentar un espírito crítico e estimular o vocabulario e a intelixencia. Tamén é importante crear un material que lles transmita uns valores e lles ensine cousas. Neste caso, invito a pensar na diversidade e na inclusión.

O compañeirismo, a amizade, a superación e a axuda son os valores que ensina Nube Branca

Pablo Nogueira presentou no ano 2018 o primeiro conto de Nube Branca. Agora, con motivo do Xacobeo, lanza a súa terceira publicación desta saga.

—Quén é Nube Branca?

—É unha india que vive nun poboado e enfrontase a diferentes situación.

—Cómo nace?

—A idea era crear un conto para a estimulación da linguaxe oral. En «Nube Branca quere ser astronauta», a pé de páxina, hai exercicios que consisten en imitar os movementos da lingua do camaleón. Así, estimulase a pronunciación das letras, como a «r».

—Tamén fala de valores.

—En «Nube Branca no camiño», axuda ao crocodilo Camilo, que vai en cadeira de rodas, a chegar a Santiago. Para elo, hai que pasar diferentes obstáculos coa axuda doutros personaxes, como una toupiña invidente, que ten desenvoltas outras habilidades. Eses son os valores que trato nas novelas.

Quén é

DNI. Pablo Nogueira naceu en 1987 en O Carballiño. Trasladouse a Santiago de Compostela a estudar maxisterio infantil e psicopedagoxía. Fixo un máster de investigación en educación, diversidade cultural e desenvolvemento comunicativo. É mestre no CPI Virxe da Saleta de Cea.

Traxectoria. Publicou no 2018 «Nube Branca quere ser astronauta»; no 2019, «A banda de Raimunda» e «B.S.O.»; no 2020, «Nube Branca e o pingüín Valentín» e «Música para os días de inverno»; e no 2021, «Nube Branca no camiño».