«Os turistas que tivemos ata agora non son suficientes»

ana Rodríguez / r. n. p. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

15 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente da confederación de empresarios de hostalería, comercio, turismo e servizo da provincia de Ourense, Ovidio Fernández, explica como está sendo o verán na capital e como está afectando a chegada do turismo aos hostaleiros.

-Como está indo o verán en Ourense?

-Ourense é un referente. A xente estase achegando á provincia polo menos na segunda quincena de xullo e na primeira de agosto.

O tempo xogou un papel importante. A nosa provincia recibiu xente de distintas partes, posiblemente persoas asentadas nas zonas de Galicia de praia que, ao non facer bo tempo, decidiron achegarse á provincia. Aproveitouse esa situación.

-Cales son os motivos da afluencia de visitantes a Ourense?

-A climatoloxía xogou un papel fundamental no que Ourense saíu favorecido. Ademais, o bo sabor de boca que deixou a provincia no 2019 fixo que pese ás circunstancias, Ourense vaia polo bo camiño. Ao ser unha provincia de interior somos unha alternativa importante.

-Que tipo de turista se achega a interior?

-O turismo de raíces notouse moito, estou a falar de persoas que están fóra e chegaron aquí motivada polos descansos. Os clientes son de turismo itinerante, non son clientes habituais. Estase a notar moito un turismo de proximidade, moito turismo galego, da costa que vén a Ourense. Esta ano a xente non saíu do seu entorno.

-Hai preocupación no sector hostaleiro?

-Aínda que os camiños están funcionando ben, o turismo que tivemos ata agora non é suficiente. Estamos moi preocupados.

-Podemos falar de normalidade ou cre que aínda falta?

-Non se pode falar de normalidade, hai que falar de incerteza. A xente ten medo, está preocupada. O sector da hostalaría en xeral estao pasando moi mal. Dun ano enteiro dous meses de movemento non significa nada, hai que falar do ano enteiro. Pensamos que a situación agora mesmo estaría mellor, e non é así, estanos facendo moito mal. A xente quere viaxar, pero está expectante.

-É un ano que se da por perdido ou hai esperanza?

-No que resta de ano podemos mellorar moito, pero depende de que se remate a incerteza xerada pola covid-19. Unha data importante é setembro onde hai un tipo de turismo que xa non é apegado ás praias. Rematar o ano cun bo movemento turístico estará relacionado coa evolución da pandemia. Se a situación empeora estaremos nun problema, se mellora pódese rematar o ano con bos resultados en canto ao movemento turístico.