Saber e ganar

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE

08 ago 2021 . Actualizado a las 23:44 h.

Acifra 4.202 non debe chamar a atención de ninguén máis que o noso presidente. Séculos atrás, alguén con esa obsesión polos números sería acusado de ocultismo ou de prácticas heréticas. 4.202 son os días que leva á fronte do PP de Ourense e 4.202 son os avais que presenta José Manuel Baltar para liderar o seu partido. A omnipresencia mediática da personaxe fixo que se confunda a institución con el mesmo, e o fado dunha vaia ligada á sorte do outro. Voltando a facer números, os cartos xestionados nestes 10 anos de mandato rondaron os 1.000 millóns de euros, unha cifra mareante se botamos conta da minguada poboación dunha provincia que camiña cara o despoboamento. Na última década, e conforme o IGE, Ourense rexistrou unha merma demográfica de case o 10% da súa poboación. Unha situación difícil que se complementa co informe do FEM alertando do efecto pernicioso da concentración de riqueza, que alonxa a posibilidade dun reparto equitativo mentres favorece o medre desproporcionado dos patrimonios das oligarquías e das familias. Non son eu quen de meterme nas dinámicas internas dos partidos, pero admito a miña sorpresa ao descubrir a ausencia entre os avais de MB de que quen fora alcalde da terceira parte da poboación da provincia. Este acto pode estar cargado de maior simbolismo que o número áureo, pero non é nin efectivo nin eficiente para trocar as dinámicas letais que seguen a asolar a provincia. Preocúpame moito máis que toda a oposición xunta non sexa quen de xuntar eses avais para unha candidatura. Construír un referente no que toda a provincia se vexa incluída nuns momentos aciagos nos que a política vai ligada a unha personaxe. MB puxo enriba da mesa parte da súa estratexia electoral a dous anos. Reforzará aqueles partidos xudiciais nos que poida perder a hexemonía, fundará partidos onde sexa necesario, regará con cartos a disidentes, citará a Galeusca no foro axeitado... E mentres, os demais seguiremos agardando moito máis da oposición, un saber e ganar que lles permita deixar de opositar para comezar a gobernar.