Germán Rodríguez-Sáa, presidente da AECC en Ourense: «O cancro é peor que o coronavirus e hai que actuar da mesma maneira»

OURENSE

MIGUEL VILLAR

O novo presidente da asociación contra o cancro aposta por darlle máis visibilidade

21 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Di Germán Rodríguez-Sáa que se está afacendo ao escenario da nova responsabilidade asumida mais resposta axiña e cun discurso perfectamente artellado, con seguridade e obxectivos claros e perfectamente definidos. O seu nomeamento racha unha tendencia e unha tradición no que se refire ao perfil das persoas que veñen ocupando cargos como o que el acaba de asumir. Virando as debilidades -que xa semellan historia tal e como se fixo co terreo e a realidade- en fortalezas a mensaxe é rexa: a chave está na xestión. Hai só uns días que exerce como presidente, nomeárono o 25 de maio, pero xa ten trazada a súa folla de ruta.

-Cantos ourensáns apoian á Asociación Española contra o Cancro?

-Somos 3.906 socios, pero hai posibilidade de crecemento e sei que o imos conseguir. Temos que chegar a todos os concellos da provincia para que coñezan o traballo que facemos na loita contra o cancro e sumar apoios. Como tamén ao contrario: ofrecer os nosos servizos e apoiar e colaborar con todos aqueles que nos necesiten.

-A palabra segue sendo maldita?

-Si. Moita xente non se atreve a dicir cancro e falan do «becho», de «iso» e cousas polo estilo. É a proba de que psicoloxicamente non están preparados para loitar contra el. Como tamén hai xente que non se atreve a pedir axuda.