Solidariedade con Soledad

Julio Rodríguez Portabales TRIBUNA ABIERTA

OURENSE

Santi M. Amil

21 jun 2021 . Actualizado a las 21:57 h.

Recentemente, nas páxinas locais deste xornal e baixo o titular «Terror al fin del toque de queda por el ruído de los pubs de la calle Lúa» informábase dunha sentenza que daba a razón a unha veciña que denunciara (asesorada pola asociación O Cimborrio) a inactividade do Concello polo ruído dos pubs nesa rúa. A veciña identificábase co nome ficticio de Soledad porque, segundo di, teme «posibles represalias» pola súa denuncia. Esta tolemia ven de lonxe. Lémbrome de veciños con problemas psicosomáticos provocados (e diagnosticados) por esa situación de angustia permanente (por exemplo perda da totalidade do cabelo); fuxidas de fins de semana á casa de familiares; outros trasladando o dormitorio ao baño ou á cociña para evitar as habitacións que daban á rúa; tapóns para durmir. Iso sen contar coas inversións en dobre ventá, etcétera. Todo inútil. Lémbrome tamén dunha pintada, hai tempo, no portal da miña casa que dicía «si quieres tranquilidad te enviaremos al cementerio». Daquela, Soledad, entendo perfectamente as túas precaucións para identificarte.

Resulta que o chamado casco histórico, que debería ser un ben patrimonial especialmente protexido é, precisamente, o que soporta a maior presión e agresividade medioambiental; e iso inclúe tamén o caos na politíca de terrazas en detrimento de bancos e espazos públicos. Calquera pode comprobar que en rúas, de seu estreitas, como Lepanto e Fornos hai tramos onde non pode pasar, xa non digo unha ambulancia ou coche de bombeiros, senón unha simple cadeira de rodas. Unha miña veciña sufriu esta situación dun xeito humillante. A nai precisaba de atención periódica na residencia por problemas de respiración. Unha ambulancia se encargaba do traslado de ida e volta. A preocupación da rapaza era que o retorno non coincidise coa rúa chea de terrazas porque iso supoñía que a ambulancia non ía acceder á súa vivenda e que farían o traslado en padiola ou cadeira de rodas, segundo o caso, desde o extremo da rúa. Imaxinen vostedes o espectáculo dunha persoa intubada percorrendo toda unha rúa, sorteando as mesas das terrazas atestadas de xente para chegar á súa casa. Onde queda a dignidade e a intimidade da enferma e da súa familia. Onde quedan os dereitos humanos? Por iso entendo o terror de Soledad pola volta á normalidade Curioso paradoxo: a anormalidade da pandemia para a veciñanza resultou ser a normalidade.

Soledad xa imaxino que antes de ir ao xulgado tentarías de solucionar o asunto polas boas. Imaxínote daquela falando (case que suplicando) cos donos dos chamados locales de ocio nocturno e tamén imaxino a resposta: «Nós tamén temos dereito a vivir». Iso si incumprindo todo tipo de normativa e a costa da túa saúde e a dos teus catro fillos. Ao final eles irán durmir tranquilamente ás súas casas que estarán, por suposto, fóra do casco histórico.

Este contexto orixina problemas de tensión que derivan en incidentes como o que tivo lugar recentemente na Praza dos Suaves e que poderíase ter evitado. Algo tan simple como cumprir e facer cumprir estritamente a normativa sobre de licenzas, ruídos e horarios. E controis selectivos de oficio, non só por denuncias.

Deberíase aproveitar a experiencia da pandemia para afrontar unha radical, insisto, radical transformación da situación que se está a vivir no casco histórico, de tal xeito que o chamado ocio nocturno non se faga a costa da saúde da veciñanza ou do seu éxodo forzado.

Isto non quere dicir que no casco histórico non poida haber locais de ocio. De feito sempre houbo bares e cafeterías na zona vella. O que non pode ser é facer destas zonas unha especie de macroespazo lúdico totalmente descontrolado; sobre todo no que respecta ao ocio nocturno.

En fin Soledad, a miña solidariedade coa túa situación e parabéns pola sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo onde conseguiches que se recoñeceran os incumprimentos non só dos pubs senón, e sobre todo, os do propio Concello. Parabéns tamén á asociación O Cimborrio pola súa loita.

A sentenza do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo de 2018, asunto Cuenca Zarzoso c. España (EDJ 2018/463), declara que o Reino de España cometeu unha violación do artigo 8 do Convenio Europeo de Dereitos Humanos -que fala do respecto á vida privada, familiar e domicilio- por non ter adoptado a Administración Pública competente (neste caso o Concelllo de Valencia) as medidas necesarias para evitar os graves efectos do ruído sobre o demandante. O señor Cuenca (que ben podería ser Soledad) como representante dunha asociación de veciños (que ben podería ser O Cimborrio) dun barrio de Valencia -zona saturada de ruídos pola concentración e pubs e discotecas- demandou ao Concello. A sentenza foi contundente: condena ao Concello de Valencia e indemnización ao veciño demandante. Ese é o camiño.