A comezos deste ano 2021 nace en Galicia unha nova agrupación: A Federación Teatral Afeccionada de Galicia (Feteagal). O ano comeza forte para o teatro afeccionado galego, pois esta federación promete ser o xerme dun proxecto aínda máis grande e apaixonante: a dignificación do teatro amador na nosa comunidade. Non foi doado chegar ata aquí, o ano pasado todos nos vimos afectados pola pandemia. Tivemos que sufrir e ver como se cancelaban os nosos espectáculos, como dun día para outro deixamos de ensaiar, de pensar en novas funcións e tiñamos que parar de todo. Pero a cousa non mellorou despois do confinamento, raramente nos saían bolos e ás veces os que saían cancelábanse pouco despois, foi un ano moi inestable. Por iso, dentro desa inestabilidade, sete grupos de teatro amador de Galicia nos fomos xuntando de maneira telemática para buscar unha solución ó que estabamos vivindo. É así como se orixina Feteagal.
Moitos de vós vos preguntaredes: por que isto en plena pandemia? Pois a resposta é moi sinxela: porque viamos a necesidade de darlle ao teatro amador un espazo de visibilización que non fosen unicamente as salas de teatro, que lamentablemente estaban pechadas ou cun aforo ínfimo que non garantía a supervivencia dos grupos. Porque tiñamos claro que necesitabamos crear iniciativas que axudasen a que o teatro afeccionado non parase de todo, porque soamente unidos podiamos sobrevivir á gran crise que provocou a covid-19 no noso sector. Os obxectivos que nos marcamos están moi claros. Temos sangue nova, moitas ganas e ilusión por medrar e facer grandes cousas. Queremos pór en marcha certames, mostras, intercambios, darlle visibilidade aos nosos socios, crear contidos en galego e lograr a súa difusión, conseguir o oco que de verdade se merece o teatro amador na nosa comunidade. Sempre con diálogo entre os socios, transparencia, honestidade e igualdade de oportunidade. Iso é o que define a Feteagal.
A situación actual é moi complicada pero non por iso imos deixar de traballar. Agora mesmo temos en marcha un programa de entrevistas culturais na nosa canle de Youtube chamado E ti que me contas?, onde a nosa última convidade foi a gran Mariana Carballal. Tamén estamos traballando arreo en dous novos proxectos, orixinais e renovadores, que verán a luz antes do que vos esperades e que seguro terán unha gran benvida. Como dixen, a situación actual non é boa, pero se a iso lle sumamos a parálise total da cultura, aínda é peor. E xustamente iso é o que está acontecendo no Concello de Ourense, ao que moitos dos nosos grupos están intimamente ligados. Non se pode pretender parar en seco todo o mundo cultural dunha das capitais de provincia galegas, e menos facelo precisamente en Ourense, orixe de grandes grupos de teatro, compañías, festivais, autores, directores, actrices e actores. Non. Porque se algo nos axudou a levar mellor o confinamento foron as series, películas, libros, música, etcétera. Quen amenizaba o noso día a día sen que nos désemos de conta? Si, o sector cultural. Este que tan mal está agora mesmo. Feteagal oponse radicalmente á privatización do Auditorio de Ourense e loitará para que a cultura volva a inundar as rúas, porque non podemos ficar parados nun momento tan determinante coma este. Se algo aprendemos de todo este tempo é que a cultura non para, a cultura segue máis viva ca nunca e debemos demostralo.
David Vázquez é presidente de Federación Teatral Afeccionada de Galicia (Feteagal).