Que non che conten historias

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE

22 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Na praza dixital das Eiroás celebrouse o martes de Entroido a Voda da Pita. A domingo de Piñata podemos afirmar que houbo máis invitados ca nunca. Talvez este ano estea engordando o camiño cara o futuro, dotando de contidos dixitais a aqueles eventos culturais que marcan o ciclo festivo anual, non só como un repositorio de fotogramas, senón con solucións a medida para cada evento. Entendemos que o centro de intelixencia artificial recentemente pregonado na cidade pode orientar algunha liña de traballo cara estes eidos, aínda que sen intelixencia natural pouco se pode facer coa artificial.

Volvendo á Voda, esta recolle algúns personaxes da comedia da arte italiana, e dalles o aire actual; Il Capitano o capitán, soldado fanfarrón e covarde, entrou por apelación popular como o Salvanavidades, capaz de transformarse en Salvaentroidos ou en calquera outro heroe salvador de galegas e galegos, eso si, só se hai unha cámara da televisión de Galicia diante. Como Scaramouche, coa súa máscara de galo, saca peito e nunca é responsable de nada. Só se coñece como o bo xestor, ainda que as matemáticas non estean do seu lado, a súa comedia é arte. Sen deixar este personaxe, Il Capitano, que precisa para ser fanfarrón dun clan, atopou nos medios públicos de radio e televisión un martelo pilón. O colectivo Defende a Galega leva 144 venres en negro. Usan cancelos como crónicas da non liberdade de prensa; esta semana foi #quenonchecontenhistorias. Desta xeira o seu director xeral pídelle ás traballadoras e traballadores que sumen as súas ideas para gañar máis publico, e dende este argumentario, recórdolle que a xestión de talento é imposible se tés coartada a liberdade de expresión e a pluralidade. Nesta comedia, que xa é un drama, o director interpretaría Il Dotore, aquel que recita «o que non é verdade é simplemente mentira».