Unha igrexa alegre e xuvenil ante a pandemia. Estamos vivindo esperanzados un tempo de vacinación no que facemos cálculos para a data na que nos poderán inmunizar. As noticias van e veñen; algunhas son contraditorias no referido ao tempo no que nos tocará a vacinación; outras discrepan sobre a inmunidade a conseguir sobre covid-19: cepa inglesa, cepa brasileira, cepa surafricana, cepa danesa; outras falan da irresponsabilidade dos encargados de adquirir as xiringas, pois unhas aproveitan cinco tomas e outras chegan a seis. Tamén se fala de que non se seguen os protocolos estipulados para un orde de vacinacións: alcaldes, concelleiros, militares, políticos de distintos partidos... Claro que todo isto entraba dentro das posibilidades á hora de querer conseguir a inmunidade ante o coronavirus. O medo é o causante de actuacións non axeitadas á razón e a solidariedade. ¡Coidémonos, que todo chegará!
Unha igrexa que vive a esperanza: Téñoo dito moitas veces. A igrexa, neste tempo de pandemia nunca asustou a xente con descricións apocalípticas. Botemos unha ollada ao século XIV para ver como os meigallos, o castigos divinos, as peregrinacións de penitentes, estaban a orde do día. A igrexa, sen esquecer a súa finalidade, ponse ao servizo da vida, cos medios de que se dispón, para superar o contaxio que nos embarga.
Unha igrexa que acolle e sabe escoitar á xente. É certo que neste tempo a igrexa non sae nos medios de comunicación social tal como lle correspondería, dada a súa axuda caritativa e social que está facendo neste tempo de pandemia. A igrexa está presente nos hospitais, ao lado dos enfermos; moitos sacerdotes deron e están dando a súa vida na atención aos moribundos; os sacerdotes acollen ás familias cando, soas, enterran a os seus seres ben queridos; moitos voluntarios fan de bos samaritanos para tantos e tantas doentes. Os sacerdotes celebran a eucaristía, administran os sacramentos e mantén viva a fe e mailas devocións do pobo de Deus.
A igrexa que peregrina en Ourense debe ser unha Igrexa que infunda ánimo e dea testemuño de vida. É certo que á igrexa, a partir do covid-19, preséntanselle moitos e graves problemas de toda índole (sanitario, moral, espiritual, social...).
É un tempo novo o que hai que afrontar. Ver os problemas, estudalos e reflexionalos, buscarlle solución axeitada, todo iso entra dentro do aggiornamento que o papa Xoán XXIII pedía para a igrexa. No mundo de hoxe, as frases piadosas e paternalistas non ten sentido nin para quen as di nin para quen se din. Ciencia e fe, collidas da man, para ben da humanidade.