Nunha visita pastoral a unha parroquia do bispo Ángel Temiño, un neno da catequese díxolle: «Eu canso». O señor bispo, compracente, preguntoulle de que se cansaba. E o neno contestoulle: «De todo». Isto é o que me está pasando a min nestes días. Cánsome de todo. Fálanme de que tanto confinamento aféctanos física e psiquicamente. Eu, coma a mocidade, tamén teño ganas de romper tanto pechamento e volver a vida ordinaria. Hai días que non teño ganas de facer nada.
Cánsame a política: que se a prepotencia do presidente, que se o Goberno, que se Bildu, que se ERC, que se Cidadáns, que se os Populares, que se Vox, que se os socialistas... Como din os máis novos, estannos raiando a cabeza e, o que é peor, aturúllannos de tal xeito que xa non sabemos o que é bo ou o que é malo. Cánsame a actitude ríxida e ditatorial da ministra Celaá e a súa lei do ensino; cánsame a ministra de Facenda e o seu castelán estridente, cánsanme as contas da leiteira, contando con uns donativos que seica van vir de Europa e que nos van a arranxar todo.
Cánsanme as manifestacións de tódolos días, aínda que as entendo: hoteleiros, restauradores... Todos queren unha axuda económica polo mal trago que están pasando. Ata os bispos se queixan dos poucos ingresos nos petos dos templos por falta de clientela e escasa solidariedade en tempos de longas colas ás portas de Cáritas.
Cánsanme tantas normativas a ter en conta en tempos de pandemia; cánsame os calendarios de datas que nos mandan para reunións, grupos de traballo, cando non sabemos no que vai dar de si este maldito coronavirus...; cánsanme os recordos de ter que retomar os traballos pastorais, cando hai que esperar a que escampe o tempo e nos volvan as ganas de empezar.
Ven tamén a miña memoria, e disto xa fai moito tempo, o dito de un compañeiro de estudos no Seminario, que, cando se levantaba pola mañá desganado, dicía que a mellor opción era volver a deitar na cama. Pois isto é o que me pasa a min hoxe. ¡Imos vellos para tanta movida como nos espera!