Carme Penim volve coas súas cancións ao Couto Mixto

La Voz

OURENSE

CEDIDA

A cantante recupera en «Cantos de terra e sal» pezas que escoitou de nena

08 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Carme Penim ten un vencello especial co Couto Mixto. Ademais de ter actuado nas citas anuais que se fan cada verán na raia -este ano non, polo covid-19- a súas raiceiras están no territorio. Agora está a presentar o seu novo traballo, «Cantos de terra e sal», e no mesmo fai unha recuperación dos cantos tradicionais galegos do interior e da costa, que chegan desta volta nunha reinterpretación propia. O traballo, que está en fase de micromecenado, editarase nas próximas semanas.

Un avance do que se poderá atopar en «Cantos de terra e sal», un proxecto que rende homenaxe ás mulleres da terra e do mar, é a peza que xa se pode escoitar e que leva por título «Canto de seitura: A María na aira pondo a roupa ao clareo». A canción é un recoñecemento á súa avoa e ás mulleres do Couto Mixto, onde naceu a cantante.

Dende nena, Carme Penim escoitaba na casa da súa avoa os vellos romances, nos que se mesturaban o galego e o castelán, que chegaran á zona da man dos antigos seitureiros que ían todos os anos a traballar a Castela. A cantante ten recoñecido que citas populares como os fiadeiros e as cancións que alí se interpretaban forman parte dos seus recordos.

Como acontece nos seus traballos, Carme Penim conta co acompañamento de Maurizio Polsinelli ao piano neste «Cantos de terra e sal».