«No PP hai os mesmos cristos que no PSOE, pero eles non os manifestan e pechan filas»

Miguel Ascón Belver
MIGUEL ASCÓN OURENSE

OURENSE

Adolfo Pérez Abellás, diputado y presidente de la gestora del PSOE ourensano
Adolfo Pérez Abellás, diputado y presidente de la gestora del PSOE ourensano Santi M. Amil

«Pido aos concelleiros do PSOE que teñan lealdade ao proxecto socialista»

25 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Polo seu cargo como deputado do PSOE, visita con frecuencia Madrid. Alí, «todo o mundo pregunta: ‘¿Qué os pasa en tu pueblo?'». O presidente da xestora local do PSOE de Ourense, Adolfo Pérez Abellás (Amoeiro, 1952) explícalles entón o complexo escenario que xa todos coñecen na cidade, cun goberno formado por so 3 dos 27 concelleiros da corporación.

-Cal cre que é a solución?

-A moción de censura. Pero, claro, falta un voto. O problema creouno o PP e teno que arranxar o PP. Agora din que queren gobernar, pero, home, isto é serio. A situación é excepcional e ás situaciones excepcionais hai que darlles solucións excepcionais. A cidadanía pídenos sentido común e que entre PP e PSOE arranxemos isto. Entón, teranse que poñer de acordo por arriba.

-Vostede que vai moito a Madrid, que cre que vai dicir Ferraz?

-Pois non o sei. Eu o que sei é o que di Caballero, que aí está a moción e que, cando queira o PP, que poñan a firma que falta. Estou de acordo. E, loxicamente, sexa cal sexa a decisión, vai pasar polo partido. A executiva federal terá que decidir se se pode ir por unha vía de entendemento co PP ante esta situación excepcional para sacar á cidade do estancamento no que está ou deixamos que a cidade morra.

-Imaxínese que fose ao revés. Entregaría o PSOE a alcaldía ao PP a cambio de nada?

-Home, é moi difícil. A nivel local non pasou, pero a nivel de Estado o PSOE abstívose para que Rajoy fose presidente do Goberno e iso custou moitas feridas. Houbo xente que non o entendeu e que incluso votou en contra, como a nosa deputada Rocío de Frutos. Non se entendía pero fíxose polo ben do país. Aquí, o mesmo que lle pedimos xenerosidade neste momento ao PP para arranxar o problema, se fora ao revés posiblemente se estudaría e penso que non habería problema, sempre que o partido dera o ok, claro.

-Cando asumiu a presidencia da xestora local recoñeceu que era un marrón para vostede.

-E segue sendo un marrón. A min tocoume porque era deputado e Ferraz díxome: «Te toca a ti». Tiña noventa días para celebrar a asemblea e elixir unha nova executiva pero, antes de se cumpriran, convocáronse as eleccións autonómicas polo que quedou suspendido todo proceso orgánico. Ao cabo do tempo suspendéronse polo covid e tampouco se podían celebrar asembleas, co cal superamos con creces os noventa días que din os estatutos. Celebráronse as eleccións pero seguimos coa covid e así non se pode celebrar unha asemblea. Nós non podemos incumprir as normas. Somos case 500 militantes.

-Pois no mitin de Pedro Sánchez no Posío había aínda máis.

-Pero naquel momento había un aforo do 70 % e naquel momento non se podía celebrar asemblea porque había en marcha un proceso electoral. Pero é que agora, coas reunións prohibidas, como facemos para organizar unha asemblea como esa, á que normalmente van uns 200 militantes? Eu estou en Madrid todas as semanas, falo con xente de Ferraz e din que non, que é imposible. Se hai un contaxio o primeiro que as pago son eu por irresponsable... A asemblea celebrarase en canto isto termine e hai quen me pide un calendario, pero eu non son pitoniso. Eu non sei cando acabará isto e polo que escoito ao ministro Illa vai para largo.

-Entende que esta situación poida xerar malestar?

-Que isto en algúns compañeiros xera certa desconfianza ou desazón porque a situación é interina, eu enténdoo, pero non é culpa miña. Hai un virus que non nos permite facer certas cousas. E, por moitas voltas que lle demos, é imposible. Eu o que lle pido a esta xente é que comprenda a situación e que arrime o ombreiro. Neste momento, no que estamos nun proceso no que poderíamos gobernar a cidade, temos que dar unha imaxe distinta á que estamos dando nos medios.

-É frustrante ver permanentemente ao PSOE en conflito?

-Si, isto é endémico no PSOE de sempre. Eu penso que ata é bo que haxa debate, pero hai que facelo dentro dos órganos do partido, non na prensa. Eu entendo que haxa compañeiros que teñan sensibilidades e aspiracións e que as manifesten, pero dentro. Pero bueno, o PSOE sempre foi así. Teño amigos no PP e hai os mesmos cristos, pero eles non os manifestan e pechan filas. Nós temos esa virtude ou defecto, pero penso que non é o momento. Agora hai que sacar á cidade da paralización na que está.

-O caso é que cinco concelleiros firman escritos cuestionando as estratexias ou incluso a xestión económica de Villarino. Non é algo a ter en conta?

-Iso é o que quería dicir. Que teñan esas discrepancias ata certo punto me parece correcto e respectable, pero o que xa non me parece respectable é que iso saia á luz pública. Eu entendo que dos nove concelleiros, haxa catro ou cinco que teñan outra idea de como se leva a política municipal, pero iso discútese dentro. Eu o que lles pido aos concelleiros do PSOE é que teñan lealdade ao proxecto socialista.

Sobre Ana Belén Vázquez, del PP, dice que le dieron el papel de «hooligan»

Pérez Abellás está satisfeito coa súa nova experiencia no Congreso. «Está sendo unha lexislatura apaixonante, con moitas incertezas, pero moi apaixonante», di o deputado, que antes traballaba como formador de educadores no campus ourensán.

-Cre que falta educación no Congreso?

-Moita. O nivel parlamentario que vexo eu, aínda que igual estou metido tamén no saco, é bastante baixiño. Hai moi pouca cultura democrática e, tal e como está de fraccionado o Congreso, hai grupos como a extrema dereita que non lles importa o país, soamente colocar mensaxes incendiarios. E, a base de repetilos, van calando na xente. Iso preocupa. Hai veces que pensas que so lles falta ir ao Congreso coa pistola.

-Unha ourensá, Ana Belén Vázquez, do PP está adquirindo especial notoriedade. Que opina?

-Xa que se marchou Álvarez de Toledo non sei se lle deron agora o papel de hooligan. Ela xa fai tempo que, nunha intervención no Congreso, chamoulle hooligan ao ministro Marlaska e eu quedei sorprendido. Hooligan el, Ana Belén? Se ti en Bande montáchela coa Garda Civil. Co nerviosismo que hai no PP pola comisión da Kitchen, sácana a ela de ariete, pero hai outras formas, outras maneiras. O de «p... la tacones» coa ministra Montero...

-Ela sube moito ao estrado. Ten algo de envexa por iso?

-Eu intervín o outro día por primeira vez no estrado por unha moción de Ciudadanos sobre a ausencia de axudas do Goberno ao turismo. O que pasa é que eu non estou na área de Ana Belén, en Xustiza e Interior, pero saen compañeiros tamén a darlle leña. O problema é que estamos dando á cidadanía un espectáculo lamentable. Nótoo aquí en Ourense ou alí en Madrid, cos taxistas, por exemplo. E, claro, métennos a todos no mesmo saco.