Nesta última semana distinguimos entre sobriedade e deleite, volvéronos colocar o adxectivo do gozo. Somos un país alonxado do espírito monacal. A antítese do claustro somos nós, por iso é necesario regular de novo o ocio nocturno, como se os milleiros de vítimas do coronavirus foran un fito histórico do século XIV.
Temos que ser conscientes de que a provincia é un sumidoiro neto de rendas externas, e que un holandés, o mesmo que unha murciana, teñen dereito a saber si aqueles impostos foron destinados a unhas depuradoras, que logo resultou mellor ter apagadas que acesas.
Por incidir na frugalidade, os países calvinistas presumen de non ocultar as súas casas e as súas pertenzas, por iso teñen grandes xanelas e escasas cortinas: todo está a vista de todas; por iso, ou porque teñen pouca luz solar e precisan aproveitar todos os raios. Teñen tamén grandes defectos, pero aos ollos do liberalismo son gracias e non pecados. Chegamos tarde a unha reforma protestante, máis podemos escoller a vía franciscana que tamén é parca.
Ourense, receptora neta de fondos comunitarios, xogábase demasiado neste fondo de reconstrución; os dirixentes provinciais moi alonxados das virtudes sobrias nin estaban nin se lles esperaba. Todo o contrario, foi a semana de actos opíparos: o concurso-oposición a city manager, que todas e todos sabíamos en quen ía caer -como un pedrazo-, cumpriuse a profecía e todos acertamos. Agora explícalle a unha de Rotterdam, ou de Vilagarcía, que temos que rescatar unha figura de máis de 80.000 euros pola falta de capacidade do Concello. Todo me recorda a Peter (Laurence J. Peter), e o seu principio «nunha xerarquía, todo empregado tende a ascender ate o seu nivel de incompetencia». Como corolario, cada ano que pasa é máis incompetente, pero a si mesmo vese máis competente.
Xa que puxemos a frugalidade como pedra angular deste argumentario, citado xa San Francisco, recordo a pasaxe que el lle dicía aos frades: «cando corten leña, deixen as árbores vivas». Está claro que nos gobernan nesta cidade a arroutos.
Vistos os resultados do 12X, se o traballo da oposición é firme, é leal, é estoico, podemos deixar atrás a este goberno fartureiro e licencioso.