O bebé que vén cunha acta de deputada baixo o brazo

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

OURENSE

MIGUEL VILLAR

A nacionalista María G. Albert dará a luz nos próximos días

24 jul 2020 . Actualizado a las 11:51 h.

O de María González Albert (1977, A Rúa) está sendo un ano raro. Xa non só pola pandemia do coronavirus, que paralizou o país e parte do mundo entre marzo e xuño, senón por razóns máis persoais. A política do BNG perdía ao seu pai en abril e semanas máis tarde despedía á súa nai. A que foi alcaldesa de A Rúa durante dous anos non afonda na ferida pero sabe que non esquecerá o 2020. Afortunadamente estánselle sumando motivos moi bos para non facelo.

Nas eleccións autonómicas, Albert converteuse en deputada do Parlamento de Galicia grazas ao terceiro escano que o BNG conseguiu en Ourense. Ademais e por enriba de todo, a esta ruesa quédalle moi pouco para converterse en nai: o día 30 sae de contas. A noticia -a de que será deputada, non a do neno- pillouna por sorpresa. «Sabía claramente que o BNG ía subir en escanos pero non esperaba saír eu, a verdade». Di que Ourense é unha provincia complicada: «Quitarlle votos ao PP é moi difícil. Aínda así apoiei a candidatura ao máximo e aquí estamos. Agora é certo que estou un pouco preocupada pola intendencia dos primeiros días porque ando pendente de dar a luz e viaxando a Compostela, pero estou moi contenta e chea de ilusión».

O 7 de agosto chegaralle o momento de tomar posesión. E tamén de parir. «En principio intentarei que sexa presencial pero se non fose posible estou segura de que existe algunha fórmula para facelo online», afirma. E, sobre todo, intentará compaxinar ámbalas dúas facetas, a de nai e a de política. «A verdade é que si, vou ser coherente co que penso. Nós cremos e defendemos a conciliación laboral e os permisos de maternidade», apunta. «Tomareino con calma porque ademais coincide nunha boa época xa que ao ser verán non hai sesións. Teño que admitir que estou moi tranquila porque dende o partido só me transmiten iso. Estanme apoiando moito e tamén é certo que agora contamos cunha representación máis ampla que nunca, ao ser dezanove deputados a miña ausencia tampouco se notará tanto», di Albert.

Na súa lista hai maioría de mulleres, concretamente once de dezanove, algo que para a política ruesa se traduce nun grupo completo e bo. «É unha cuestión digna de salientar, porque ademais son mulleres que exercen como tal e que son moi feministas todas. Hai algunhas persoas no grupo ás que eu admiro persoalmente porque teñen demostrado un traballo moi importante en relación cos dereitos da muller. Creo que isto xa se viu, pero que é algo que aínda se verá máis nos próximos catro anos, estamos moi concienciadas e con moitas ganas de demostrar todo aquilo que vimos defendendo», explica.

Entre esas mulleres está a líder do partido, Ana Pontón, con quen Albert non só comparte ideoloxía política, senón tamén maternidade. «Si, e inda por riba as dúas temos 42 anos. Ela insísteme un montón en que desfrute de esta etapa e da pequecha ou pequecho que chegue -María preferiu non saber o sexo do bebé que espera- e tamén, claro, en que me tome tempo para adaptarme á situación porque será un cambio tremendo. Estame animando un montón nesta recta final», admite a tamén concelleira de A Rúa.

Albert está a vivir estes momentos de forma moi especial e con moita intensidade. «Teño moitísimas ganas de que chegue o gran día. Este foi un ano moi raro para min e non tiven tempo de centrarme no embarazo ata estes últimos dous meses nos que xa todo rodea ao bebé. Nunca pensara ser nai e teño que admitir que agora cáeseme a baba. Só estamos pendentes de se se move e de prepararlle cousas. É unha experiencia única», remata. O acta de deputada xa lle chegou, agora só lle queda unha doce espera, a máis importante e máis bonita de todas.