Xosé Dobarro: «A comunicación sanitaria entre as comarcas debe ser unha prioridade»

Pablo Varela Varela
PABLO VARELA OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Xosé Dobarro é médico no centro de saúde de Beariz
Xosé Dobarro é médico no centro de saúde de Beariz Agostiño Iglesias Otero

O médico do centro de saúde de Beariz aboga por estreitar o contacto informativo entre os profesionais do gremio

14 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A inicios dos anos noventa, Xosé Dobarro (1959, Lalín), médico no centro de saúde do concello de Beariz, estaba en Cuba facendo un máster en Epidemioloxía para o que foi becado pola Xunta de Galicia tras licenciarse. «Todo comezou tras rematar eu a carreira, despois dunha conferencia na que participou unha eminencia a nivel internacional, Enrique Nájera. Entón, aprendín que o fundamental na medicina era a prevención», di.

-Por que non hai comunicación sanitaria entre comarcas se o fluxo da poboación xa non está restrinxido?

-Eu cheguei o 11 de marzo dunha viaxe e o primeiro que fixen foi chamar a Sanidade, a distintas personalidades, para que se fixese un programa no que en cada comarca houbese un responsable que se encargase dos casos que houbese alí, e que lanzase alertas ás comarcas veciñas e non veciñas. Insistín, pero a min non me chamou ninguén. Ó principio, ós médicos de cabeceira dos centro de saúde só lles chegaban os positivos do seu cupo. Nin sequera os propios compañeiros tiñan constancia de positivos máis alá dos seus. Iso cambiou despois, pero queda pendente falar entre comarcas colindantes ou próximas, que non se fixo ata o momento e a comunicación sanitaria debería ser unha prioridade.

-No caso dos casos importados, onde debe estar a responsabilidade entre o país emisor e o receptor?

-Hai tempo falouse do pasaporte humanitario, para que antes de embarcar, polo menos con dous días de antelación, se presentase unha proba PCR negativa. Pero non se fixo, e o curioso é que non é caro. O normal sería que co billete de avión se presente unha acreditación con ese resultado. Ou senón, facer o que estamos aconsellando: cuarentena ó chegar e facer a PCR aquel que o desexe e a pague. A nivel público faise ós que teñen síntomas, pero nestes casos non está contemplado.

-Cantas PCR levan feitas na comarca de Beariz entre os retornados?

-Desde o inicio da epidemia fixéronse unhas 50 entre a xente que chegou. A maioría, desde México. E hai uns días, contactáronme do país desde Hermosillo (Sonora) por unha señora que tiña pensado vir a Galicia, pero que tivo que quedar internada na capital mexicana porque lle detectaron a enfermidade antes de voar a Madrid.

-Que lle recomendan á xente que está chegando do exterior a Galicia?

-O que eu vexo idóneo é que fagan unha cuarentena de entre cinco e sete días nada máis veñan. O mellor é facer a PCR tras ese período. E en función do resultado, tomar despois decisións en consecuencia. Pero ese illamento inicial é importante para cortar a cadea de transmisión en caso de que se teña o virus.

-Coas medidas de prevención como a mascarilla ou a cuarentena, funciona a pedagoxía ou é necesaria a imposición?

-Eu entendo que o principio fundamental do dereito a saúde da poboación está por riba de calquera outro dereito individual, por moitos que haxa. Os asintomáticos seguen contaxiando mais alá da cuarentena. A mascarilla debe ser obrigatoria. O que non a leve pode estar enfermando ó resto da xente, e esa circunstancia debemos tela en conta sempre. Hai que impoñelo, porque xa levamos meses nesta situación e a xente non se concienciou. E trátase de tapar a nariz e a boca, non vale con deixar unha das dúas ó aire.

-Vostede tamén aboga por acotar os casos e sospeitosos antes de facer PCR en masa.

-Eu creo que en moitos casos, como pasou co tema da limpeza ó tolo nas rúas, fixéronse algunhas probas ó tuntún. Non sempre houbo unha asociación estatística entre as PCR practicadas e os casos positivos. Se a min me deixan un lote de 100 PCR, por exemplo, iría directamente ó entorno dos casos nos que xa se confirmou a presenza da enfermidade, que é algo que se levou a cabo noutros países que non detiveron por completo a súa actividade.

-Falta responsabilidade individual ou tamén claridade nos protocolos informativos?

-Falta un pouco de todo. Se vives no rural e estás solo podo entender que non leves mascarilla, pero incluso nas aldeas podes cruzarte con outro veciño e o normal é levala. Pero como pasa sempre, iso xa entra dentro da conciencia de cada un. O que non pode ser é que non haxa vixilancia nas rúas das vilas e das cidades con esta cuestión.