Os servizos están restrinxidos polas condicións a cumprir polo decreto do estado de alarma
19 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Aínda que algunhas bibliotecas da provincia de Ourense xa foron abrindo as súas portas ao longo da pasada semana, a Xunta aprazaba ata esta a recuperación da actividade en bibliotecas e museos dependentes da mesma para poder acondicionar os servizos ás condicións que se requiren nesta fase do estado de alarma decretado como medida de prevención conta o coronavirus.
No caso da Biblioteca Pública de Ourense era este luns cando reabría a súas portas e os museos, que pechan os luns, retomarán este martes as súas actividades. A demanda non pasou de ser simbólica, con respecto á rexistrada antes do 14 de marzo, e os servizos e horarios están fixados acorde á nova situación. Para poder realizar as tarefas de limpeza, a Biblioteca Pública de Ourense estará aberta ao público de 09.00 a 14.00 e de 15.00 a 21.00 horas, de luns a venres, e de 10.00 a 14.00 horas os sábados, durante os meses de maio e xuño. En xullo e agosto o horario será de 08.30 a 14.30 horas. Nestes días a Biblioteca está aberta para recoller préstamos con cita -os títulos solicitados por Internet polos usuarios- e para a devolución de documentos recoméndase usar o caixeiro de devolucións. O mesmo atópase na fachada posterior do edificio e dispón de lector dixital para rexistrar os datos dos documentos que se depositan nel. Servizos como as reservas, o préstamo interbibliotecario ou a lectura en sala están suspendidos durante a fase 1. Tamén se pode acceder ao servizo de préstamo de libros electrónicos -a través da plataforma Galicia Le-.
Na xornada do luns tamén se procedeu á apertura da Biblioteca de Barbadás, sumándose daquela ás que xa o fixeron a pasada semana. No caso da de Verín o servizo está á espera de que o Concello poña en marcha o protocolo para a súa reapertura.