Cantádeme un maio

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE

03 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

As coplas de covid-19 que eu traio van polos que xa non están con nós neste primeiro domingo de maio, pena moi grande non compartir con eles crocas dos nosos castiñeiros, como escribía Curros Enríquez. Coplas de auxilio ás mulleres que sofren a violencia machista. Gabanzas ás nais que o son todo para nós. Chegará un maio florido e fermoso que deixará como un escuro sono o que foron estes días. Cantádeme un maio é un movemento comunal en Ourense que leva semanas nas redes. A enerxía colaborativa foise agregando de forma humilde para dar corpo a un verdadeiro fenómeno cultural. Todas poñen o seu gran de area, e todas son parte da solución a este ano sen maios na rúa, pero si nas nosas casas. Nestes momentos, interiorizar que un forma parte da solución fai máis doado sumar e avanzar. Neste exemplo en concreto distínguese quen está ocupando o poder e quen é líder. O liderazgo sumaría a enerxía do común para reforzar o sentimento de comunidade, cada un de nós é parte da solución da crise. En oposición, quen só ocupa o poder de maneira temporal queda en coiros fronte a sociedade, e pasa a ser un problema e non unha solución. Para a nosa desgraza non contamos con líderes nas proximidades, capaces de empatizar co que sentimos. A xente ten medo e non está para enredos; así a todo, os canais de comunicación pseudo-oficiais transmiten cerelladas. Cando un non comprende a pegada psicolóxica que deixará o covid-19, nós temos o problema. Non se demostraron nin competencia nin coherencia coas mensaxes que se transmitían dende o mando único. No momento que se plantexan opinións non baseadas en datos e feitos queda un incapacitado para seguir liderando a comunidade. Cancelar a actividade cultural do concello vai contra o resolto pola Unesco o 22 de abril. No ano do centenario da Xeración Nós imos ter cero accións culturais. Contar na corporación municipal cun exconselleiro de Educación que ve esmorecer unha cidade na que o inverno cultural está ancorado, sen dar un golpe de timón, sobrepasa o entendemento. Sen liderazgo volverán os maios con segas, usuras e preitos, con quintas e portas, con foros e cregos.